Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo estrea a planta de biorresiduos situada no Polígono de Cuiña

A rexedora, a edil de Medio Ambiente, o concelleiro de Zona Rural, e o presidente de Sogama, foron testemuñas desta primeira recepción nestas instalacións que supuxeron un investimento próximo aos 6,4 millóns de euros

Cervo, 8 de novembro de 2023. O Concello de Cervo foi o primeiro municipio en estrear a planta pública de biorresiduos situada no Polígono Industrial de Cuíña, e que dará servizo a outras 14 localidades da bisbarra.

A rexedora, Dolores García Caramés, a concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez Álvarez, o edil de Zona Rural, Adrián Arias e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foron testemuñas este mércores desta primeira entrega de materia orgánica na instalación por parte do servizo municipal de recollida de lixo.

Neste senso, cabe recordar que o Concello de Cervo puxo a disposición da veciñanza preto dunha vintena de colectores marróns, instalados en puntos estratéxicos do municipio, co obxectivo de facilitarlle a reciclaxe da materia orgánica que xeren nos seus fogares, tal e como vén establecido polas directivas europeas que están a marcar este rumbo.

As persoas interesadas en participar neste “exercicio de corresponsabilidade” poden cubrir a súa solicitude na Casa do Concello ou na Casa da Cultura, e recibirán unha chave para facer un uso responsable e individualizado dos colectores marróns, ademais dun colector de materia orgánica e bolsas de lixo 100% compostables, de agasallo para este fin.

A rexedora fixo un chamamento á veciñanza para que recicle a materia orgánica, e tivo un agradecemento especial para aqueles veciños que estrearon os colectores que nos permiten ser pioneiros na utilización desta planta de biorresiduos equipada con innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, que é autosuficiente desde a dimensión enerxética ao estar alimentada por enerxías renovables, concretamente con paneis solares, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.

A planta, cun investimento próximo aos 6,4 millóns de euros acolle todo o proceso de compostaxe -pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento- e dispón de capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica, ademais de 1.600 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), estimando unha produción de 1.500 toneladas de compost, cuxo destino será fundamentalmente a agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

Desde o Concello de Cervo recordan que está en marcha a campaña informativa “Súmate ao Marrón, ten moita vida”, co obxectivo de achegar á veciñanza toda a información relativa á reciclaxe da materia orgánica e de promover o uso do novo contedor “que é unha das engrenaxes chave da economía circular para valorizar gran parte do lixo que xeramos nos nosos fogares”

Neste senso, o Concello de Cervo xa fixo chegar aos fogares cervenses días atrás un folleto explicativo, no que se detalla polo miúdo sobre plano os lugares do municipio nos que se sitúan os contedores marróns dentro do termo municipal.

Exit mobile version