Site icon Crónica3.com A Mariña

Clausuradas con éxito as ‘VII Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro’

Viveiro, 13 de novembro de 2023. O Concello de Viveiro clausurou as ‘VII Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro’, que se celebraron durante a fin de semana.

As xornadas, unha iniciativa para dar a coñecer unha parte moi importante da historia e o patrimonio subacuático a través de grandes expertos en arqueoloxía marítima, foron un gran éxito con máis de 130 persoas inscritas e unha afluencia media superior ás 60 persoas en cada charla.

No acto de clausura, o concelleiro do Mar do Concello de Viveiro, Jesús Fernández, destacou “a nosa satisfacción polo éxito conseguido, tanto pola gran valía dos relatores e a calidade das súas charlas, como tamén pola participación nas mesmas”.

“Unha vez máis, cremos que estas xornadas, a pesar da súa breve traxectoria, xa se converteron nun referente nacional dentro da disciplina da historia e arqueoloxía subacuática”, engadiu, lembrando “as sesións máis en clave local, como a do proxecto Ría de Viveiro ou a da restauración da Madalena”.

“O noso sinceiro agradecemento a todos e a todas as persoas relatoras polas súas magníficas intervencións”, apuntou Fernández, que agradeceu a “o traballo de Antón López e a axuda da FEDAS, a UNED, a Armada, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia”.

“Para min, como concelleiro do Mar, e tamén en nome da alcaldesa, María Loureiro, é unha auténtica honra colaborar na organización deste evento. Xa traballamos pensando na oitava edición”, rematou.

Exit mobile version