Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel García lembroulle ao PP “que chega tarde” na demanda de melloras no FEVE, contempladas no acordo de investidura do goberno estatal

O voceiro nacionalista puxo en evidencia a hipocrisía do Partido Popular que “demanda agora un servizo” que desatendeu cando estivo no goberno do Estado

Lugo, 28 de novembro de 2023. O BNG puxo en evidencia no pleno provincial a hipocrisía do Partido Popular en relación con infraestruturas chave para a Mariña como o FEVE e a VAC Norte, durante o pleno provincial celebrado este martes na Deputación de Lugo.

“Benvidos señores do Partido Popular á defensa das infraestruturas” ironizou o deputado mariñao, que reivindicou o traballo feito polo BNG durante décadas en relación co FEVE ante os sucesivos gobernos do Estado.

O deputado mariñao lembrou que “o deputado do BNG, Francisco Rodríguez, demandou o servizo de cercanías para a Mariña que agora vostedes piden en marzo de 1998, durante o goberno de José María Aznar” ou que “o aluminio que sae de Alcoa cara a Amorebieta se carga no apeadeiro de Xove, a 5 quilómetros da factoría, a onde hai que levalo en camións” porque “vostedes, todos, foron incapaces de habilitar unha estación de carga dentro da factoría, como pediu o BNG no Congreso en mais dunha ocasión”.

“Cando tiveron a posibilidade de resolver problemas non o fixeron” e agora “chegan tarde outra vez, porque esas demandas que formulan están no acordo de investidura entre PSOE e BNG, que é publico”, expuxo o voceiro nacionalista. O punto oito do acordo indica que se aplicará “o mesmo trato aos usuarios de FEVE en Galiza que aos doutras comunidades e continuaranse os traballos de modernización. Así mesmo, especifica que se mellorará a atención aos viaxeiros nas estacións e reforzarase a presenza de revisores dos trens

“Mentras o BNG negociaba co candidato á presidencia do goberno melloras para Galiza, vostedes estaban sacando fotos na estación de FEVE de Ribadeo” e, cuestionou, “empregándoas para facer campaña compartindo as imaxes nas redes sociais do Concello de Ribadeo”

Daniel García tamén criticou o posicionamento do Partido Popular en relación con outra infraestrutura chave para a comarca como é a VAC Norte. O deputado mariñao lembrou que “o Partido Popular só executou 15 quilómetros“ dos 90 de trazado previsto; “un por ano e en traxectos licitados polo goberno bipartito”, lembrou.

Exit mobile version