Site icon Crónica3.com A Mariña

Expomar participa nun proxecto de turismo pesqueiro a nivel estatal

A Fundación Expomar é unha das entidades promotoras da creación da “Rede Nacional de Turismo Pesqueiro”, que se presentou esta semana dentro do IV Foro de Turismo Mariñeiro, que tivo lugar en Isla Cristina (Huelva)

Burela, 24 de novembro, 2023. O xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’, participou no acto de presentación, formando parte dunha das mesas de debate, xunto a outras entidades que, xunto á Fundación Expomar, promoven este proxecto: Consorcio de Turismo Sostenible de la Costa Occidental de Huelva, Pescaturismo, Turismo Marinero Murcia, Grupo ABICA, ADER La Palma, Ociomar Torrevieja e Fundació Promediterrània.

Neste encontro, organizado polo Consorcio de Turismo Sostenible de la Costa Occidental de Huelva, e coa presenza dun centenar de profesionais do sector turístico e pesqueiro dos ámbitos privado e público de España e Portugal, Burela estaba moi ben representada, xa que tamén participaron para falar sobre exemplos de “Turismo Mariñeiro” Ramiro Fernández, concelleiro de Mar e Turismo do Concello de Burela, e José Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pesca.

A iniciativa da “Rede de Turismo Pesqueiro de España” inclúe a difusión conxunta, en sete idiomas, de actividades que van desde o pescaturismo ao turismo mariñeiro, talleres sobre oficios, roteiros e propostas socioculturais, como visitas a lonxas, barrios mariñeiros, portos, faros ou museos. A promoción beneficiará tamén á divulgación da comercialización de produtos pesqueiros, á gastronomía, o “acuiturismo”, comercio, restaurantes e aloxamentos mariñeiros.

A creación desta “Rede de Turismo Pesqueiro de España” é un proxecto subvencionado por fondos de recuperación da Unión Europea (UE) “NextGeneration”, dentro da convocatoria “Experiencias Turismo España” do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Exit mobile version