Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz pídelle a Balseiro que se “deixe de comedias” coa nova depuradora

Foz, 21 de novembro de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pídelle ao deputado do Partido Popular Xosé Manuel Balseiro que “se deixe de comedias” e que contacte con el para despexarlle calquera dúbida sobre a nova depuradora de Foz. “Así poderá contar con dúas versións, a da conselleira e a do alcalde, que estarán a anos luz. Non é preciso ningunha pregunta parlamentaria, podémoslle despexar calquera dúbida que teña incluso por teléfono”, manifesta Fran Cajoto.

O alcalde recorda os antecedentes: “o convenio asinado con Augas de Galicia para a construción da nova depuradora é do 31 de agosto do ano 2016. Nese convenio establecíase o inicio das obras para o ano 2017 e a finalización para o ano 2020. Isto é: levamos un retraso de case 7 anos. Agora preocúpase da posible perda dos fondos europeos, despois de sete anos. A realidade é que Augas de Galicia iniciou os trámites para a ocupación dos terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre en maio deste ano 2023 e aprobou o proxecto construtivo este mes de outubro, hai escasamente un mes. Resulta incrible que o señor deputado sexa capaz de botarlle a culpa do retraso a Costas: gustarame escoitar o que di a conselleira”.

Cajoto engade: “sete anos de atraso de Augas de Galicia que non son o único caso no Concello con este ente, xa que os trámites para legalizar a captación de Cordido e ampliar a do Ouro teñen un retraso de case cinco anos. E as captacións están ben lonxe da costa”.

O rexedor municipal focego lembra que “a conselleira Ethel Vázquez deu a súa palabra na última visita de que as obras da depuradora comezarían en decembro do ano 2022; está na hemeroteca. Agora mesmo a propia Augas de Galicia está a sancionar ao Concello por verquidos á ría cando retrasaron as obras que solucionarían o problema. As obras na depuradora poden comezar mañá mesmo: o Concello puxo a disposición os viais municipais e os terreos expropiados. Pídolle ao señor Balseiro seriedade para un tema tan importante para Foz como a depuradora aínda que se acheguen as elección autonómicas”.

Exit mobile version