Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG urxe ao conselleiro do Mar a tomar medidas excepcionais para un sector marisqueiro que está “ao límite”

Rosana Pérez insta á Xunta do PP a tomarse en serio o saneamento das rías e a regular o baleirado dos encoros para evitar efectos negativos nas rías

Santiago de Compostela, 22 novembro, 2023. A deputada do BNG Rosana Pérez emprazou ao conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a tomar “medidas excepcionais” ante a “gravísima situación” que está a sufrir o sector marisqueiro pola falta de produtividade das rías e as toneladas de marisco morto que estes días cobren aínda algunhas praias do País.

Nunha interpelación ao responsable da Xunta do PP, asegurou que o deste ano non é o primeiro episodio “dramático” que se vive no sector marisqueiro, que leva unha década advertindo da baixa produtividade sen que, asegurou, a Consellería aporte solucións. “A Consellería do Mar exemplifica case como ningunha outra a parálise deste goberno, a falta de ideas e tamén a xigantesca maquinaria propagandística que teñen creada”, asegurou.

Rosana Pérez lembrou que no que vai de ano a Consellería achacou os episodios de mortaldade do marisco primeiro ao calor e máis tarde ás choivas, pero sen os necesarios estudios que o avalen e sirvan para recoñecer e diagnosticar o problema . E subliñou, en todo caso, que episodios semellantes xa aconteceron outros anos sen que a Xunta tomara medidas, mentres o sector é cada vez máis reducido. No 2012, precisou, había 3.954 mariscadores e mariscadoras a pé, e hoxe hai apenas 3.600. Os buques de artes menores, agregou, baixaron de 4.059 a 3.700.

Para poñer énfase na importancia que o sector ten para a economía galega, a deputada do BNG salientou que na actualidade o marisqueo xera en torno a 4.500 postos de traballo directos, arredor dun 64% dos 7.000 de Stellantis ou máis da metade dos de Gadis.

Tras expoñer os datos, reprochou ao conselleiro o “pírrico” crecemento dos orzamentos para o vindeiro ano (un 1,2%), uns orzamentos que, segundo explicou, apenas superan os 214 millóns de euros e que son insuficientes para resolver os problemas que atinxen ao sector pesqueiro e marisqueiro, máxime cando non se executan (no 2022 de 194,1 millóns non se executaron 46,8) ou se recortan programas que permitirían realizar intervencións nas rías.

Rosana Pérez expuxo ante o conselleiro as demandas do sector, que comparte o BNG, e que pasan en primeiro lugar por realizar estudios e investigacións sobre a situación das rías “para ir á orixe do problema e tomar medidas para resolvelo ou cando menos, palialo”. “Non chega con poñer parches puntuais”, denunciou.

Demandou así mesmo unha regulación sobre o baleirado dos encoros co obxectivo de evitar os efectos negativos nas rías e, neste punto, emprazou ao responsable de Mar a exercer as súas competencias porque “un goberno se debe aos administrados, non ás eléctricas”. “A que teñen medo? Por que non establecer o pago de indemnizacións por parte das eléctricas se non cumpren as condicións de baleirado que se establezan?”, preguntou a deputada nacionalista.

Co mesmo espírito, pediu que non se permitan actuacións ou non se dean autorizacións a instalacións que “atentan claramente contra o medio ambiente e contra a calidade das augas”, como a mina de Touro ou a de San Finx, dixo.

Outra das cuestións que pide ao sector, engadiu Rosana Pérez e que “dunha vez” a Xunta tome en serio o saneamento das rías, actuando para eliminar os sentidos. Lembrou que esta é unha actuación que a Xunta do PP comprometeu xa para 2013.

Ante a situación excepcional de “brutal mortaldade” e, polo tanto, de “brutal afectación a miles de persoas” que “están ao límite”, demandou finalmente “medidas tamén excepcionais” que lles permitan “seguir nese sector” e “seguir vivindo”. Neste punto, advertiu de que centros de mariscadores e mariscadoras non poderán acceder as axudas do ISM porque non cumpren os requisitos.

Exit mobile version