Site icon Crónica3.com A Mariña

O Clúster de l’Energia Eficient de Catalunya convida ao concello de Muras a falar do seu modelo de xestión coas renovables

Muras, 2 de novembro de 2023. O alcalde do concello de Muras, Manuel Requeijo, foi convidado polo Clúster de l’Energia Eficient de Catalunya (CEEC) a falar da súa experiencia coa xestión das axudas ao pago das facturas da luz que reciben os veciños desta localidade do Xistral.

O pasado 30 de outubro e no Hub Social que ten a Fundación Bofill no centro de Barcelona, organizouse a xornada “Novos Modelos para o desenvolvemento das renovables no territorio: a participación e compensación do territorio e a mellora da biodiversidade” inaugurada polo Conselleiro de Acción Climática, Alimentación e Axenda Rural, David Mascort i Subiranas. A cita centrouse na situación que vivimos en relación coa sustentabilidade e os retos aos que nos enfrontamos, o que esixe un esforzo extraordinario por buscar solucións válidas e aceptables para todos os actores sociais. A abordaxe a facer co despregamento das renovables é un dos retos máis urxentes pero Cataluña é un dos territorio con menos desenvolvemento neste eido no contexto peninsular.

Precisamente para avanzar na procura de novos modelos de implantación das renovables puxéronse de acordo Oikia -asociación que promove o debate e a proposta en materia de transición ambiental e enerxética en Cataluña- e a Agrupación industrial da Enerxía Eficiente de Cataluña (https://www.clusterenergia.cat/) para organizar unha xornada de debate e coñecer casos e experiencias previas en positivo, como a do Concello de Muras. Dividida en tres mesas houbo exemplos e propostas en materia de participación no investimento, de minimización do impacto na implantación, de contribución á saúde dos ecosistemas e de desenvolvemento territorial da contorna.

Aproveitar os recursos con sentido

Foi na mesa das 12:40, chamada “DINAMIZAMOS?” cando interveron Manuel Requeijo (alcalde de Muras) e Núria Palmada (da coopertiva Som Energia). Na quenda do rexedor murense falouse da implantación das eólicas neste territorio do norte galego, concello de algo máis de 163 km cadrados con 610 habitantes. Foi en 1995 cando comezaba a construción do primeiro parque na zona. Hoxe ten unha potencia eólica instalada de 485 MW en 15 parques e 381 aeroxeradores das empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento. A chegada dun novo equipo rexedor en 2015 encabezado Manuel Requeijo -reelixido nas eleccións munipais de 2019 e 2023- significou o comezo dun novo enfoque. “O que buscamos dende o comezo”, explica o alcalde, “é que os beneficios positivos da enerxía eólica redundasen nos lugares onde están asentados os parques e os muíños”.

Habida conta de que máis do 50% dos recursos municipais proveñen dos parques eólicos polo Imposto de Actividades Económicas, o IBI de características especiais, e subvencións autonómicas como o Fondo de Compensación Ambiental, “decidimos dende un comezo”, continúa o alcalde, “que os impostos que xeneran os parques revertisen ao 100% na zona”. Finalmente optouse porque os recursos fosen a subvencionar actuacións que mellorasen a calidade de vida: axudas para o pago da factura da luz dende 2017 (chegan ata os 90.000 euros no orzamento), mellora de prestacións sociais, rehabilitación de infraestruturas municipais, reconversión de antigas escolas en locais sociais, espazos para autocaravanas e observatorios do ceo… As liñas de axuda directa co pago das facturas da luz son dúas: unha de consumo doméstico de ata 600 euros, anuais e outra de ata 1500 euros anuais para pemes.

En 2021 o concello foi recoñecido co Premio Eolo á Integración Rural da Eólica “por tratarse dunha comarca modélica no desenvolvemento eólico” en palabras da Asociación Empresarial Eólica (AEE). “Debemos democratizar a enerxía en todo o país, en Muras xa demostramos que se pode. Os beneficios deben revertir de forma directa ou indirecta no territorio para evitar o despoboamento” continúa Requeijo. “Por exemplo, reformando a base impoñible do canon eólico ou con reinvestimento do beneficio para crear novas empresas no territorio. Ese é o camiño para que aprovoitemos os recursos naturais de maneira racional e sustentable”.

Exit mobile version