Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro considera “moi enriquecedora” a asistencia do Grupo de Participación Xuvenil no Encontro do Carballiño

Viveiro, 20 de novembro de 2023. O Concello de Viveiro considera “moi enriquecedora tanto para os mozos participantes como para os adultos involucrados” a asistencia do Grupo de Participación Xuvenil ao 3º Encontro de Participación Infantil e Xuvenil no Carballiño.

Esta fin de semana, no marco do Día Universal dos Dereitos da Infancia, que é hoxe, celebrouse o 3º Encontro de Grupos de Participación Infantil e Xuvenil dos Concellos no Carballiño.

“Durante o encontro, abordáronse diversas áreas clave, como ensinanza, educación, lecer e familia, sempre desde a perspectiva de salvagardar os dereitos dos máis pequenos. Destacouse a importancia de escoitar a voz dos nenos, que teñen moito que aportar”, explica a concelleira Lara Fernández Fernández-Noriega.

Como resultado deste encontro, extraéronse conclusións valiosas que serán presentadas no Parlamento de Galicia o próximo 28 de novembro. Os mozos representantes dos distintos concellos acudirán para expoñer ante os representantes políticos as súas necesidades en áreas fundamentais das súas vidas. A portavoz do Concello de Viveiro será Candela.

Desde o goberno municipal de Viveiro, mantense un forte compromiso neste ámbito coa obtención do título de ‘Cidade Amiga da Infancia’ (en proceso a día de hoxe). Sen conformarse únicamente co recoñecemento, a vila quere continuar crecendo e promover un entorno inclusivo para todos.

“A idea de escoitar aos nenos e nenas como guías é fundamental para construír un entorno máis amigable e seguro para eles. Por iso, proxéctase, para o ano 2024, a expansión do grupo de participación xuvenil en Viveiro creando un grupo infantil, un espazo onde tamén poidan participar as familias en algún momento”, engade Fernández-Noriega.

Na provincia de Lugo, Viveiro e Burela son pioneiros na creación de grupos de participación xuvenil. “Animamos a outros concellos a sumarse a esta iniciativa, xa que é crucial tecer redes nas comunidades e entre os propios concellos para fomentar lugares seguros para os nosos menores”, remata.

Exit mobile version