Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo de Participación Xuvenil do Concello de Viveiro acude ao Parlamento de Galicia con motivo do Día Mundial da Infancia

O Concello de Viveiro vén de ser recoñecido oficialmente como candidato ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia por parte de UNICEF España e outras entidades

Viveiro, 28 de novembro de 2023. O Grupo de Participación Xuvenil do Concello de Viveiro vén de participar nos actos celebrados con motivo do Día Mundial da Infancia no Parlamento de Galicia. A rapazada que forma parte deste grupo acudiu á institución acompañada de varios técnicos municipais e máis da concelleira de Infancia, Lara Fernández Fernández Noriega.

A concelleira destaca que “é un orgullo que o Grupo de Participación Xuvenil puidese asisitir nun día tan importante ao Parlamento de Galicia, a casa de todos os galegos e galegas”. Aproveitaron a súa visita para dar voz a reivindicacións “tan importantes para A Mariña como a de ter unha boa atención sanitaria”.

“Seguiremos traballando en prol de que a nosa rapazada teña espazos para dar a súa visión sobre a sociedade, neste caso dende a vila onde viven, porque a súa opinión é moi importante para nós”, sinala Fernández Fernández-Noriega.

Esta visita ao Parlamento produciuse precisamente logo de que o Concello de Viveiro fose oficialmente recoñecido como candidato ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia.

Esta distinción está impulsada pola Secretaría Permanente da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, conformada por representantes do Ministerio de Xuventude e Infancia, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e UNICEF España.

“Este recoñecemento non é só un titulo, senón un compromiso do Goberno municipal para seguir defendendo os dereitos da nosa rapazada”, afirma Fernández Fernández-Noriega.

Exit mobile version