Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela FS continúa invicto tras outra vitoria en Murcia (0-5)

Sete son as vitorias que acumula o Burela nesta tempada na que continúa primeiro na taboa sacando distancias ao Alcorcón que empata en Ourense

Burela, 5 de novembro, 2023. Esta tarde ás 18.00h no Pavillón Municipal Jara Carrillo de Alcantarilla xogábase a 8ª xornada da Primeira División Iberdrola FS, LBTL Futsal Alcantarilla – Pescados Rubén Burela FS. Despois dunha intensa semana con vitoria no pase de ronda da Copa da Raíña este mércores en Vista Alegre, o xoves pola noite viaxan a Alcantarilla nun longo traxecto que non será impedimento para impoñerse na cancha murciana, chegando ao descanso xa cun resultado 0-3, marcador moi aventaxado que permite ás de Julio Delgado traer os 3 puntos desta xornada cun resultado final de 0-5.

Na primeira parte comeza forte o Pescados Rubén cun gol dende a banda de Patricia no minuto 1 nunha contra aproveitando un bo pase de Emilly. No 7 Irene Samper continúa puntuando tras un pase de Dany nunha baixada de intensidade defensiva do LBTL que presionaba ao conxunto laranxa ata este momento. No minuto 12 cúmprese o 0-3 cun gol de Pao en propia meta que a remata sen querer tras unha contra na que Irene Samper tenta dar un pase a Noelia Montoro que esperaba no pau pero adiántase a xogadora do equipo murciano e métea nun intento de despexe.

Na segunda parte mantense o marcador ata o minuto 30 no que Rafinha a mete desde dentro da área tras un pase de Patricia que lle envía o balón desde a banda. Continúa dominando o balón o equipo mariñán. Tras varias oportunidades, entre elas un pase de Dany a Noelia Montoro que non chega ao remate e outro no minuto 36 de Emilly que soa ante a porteira lanza ao segundo pau pero vai fóra, comeza a presionar o LBTL con porteira xogadora. O Burela aguanta cunha moi boa defensa e chega o 0-5 final de Emilly a portería baleira.

A semana que vén partido en Vista Alegre, derbi galego ante o Marín Futsal.

Ficha Técnica LBTL Futsal Alcantarilla – Pescados Rubén Burela FS

LBTL Futsal Alcantarilla (0): Ana Romero; Blanca, Miriam, Riscos, Melli -quinteto inicial-, Mari, Iraia, Anita, Irene, Lydia, Pao.

Pescados Rubén Burela FS (5): Caridad; Cilene, Cami, Patricia, Emilly -quinteto inicial-, Dany (C), Antía Pérez, Irene Samper, Rafinha, Noelia Montoro, Jozi Oliveira (P)

Goles: 0-1, min.1 : Patricia. 0-2, min. 7: Irene Samper. 0-3, min. 12: Pao (PP). 0-4, min. 30: Rafinha. 0-5, min.39: Emilly.

Árbitros: Adrián Moniño, José Javier Navarro, Carlos Guzmán, José Otálora.

TA: Miriam.

Exit mobile version