Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela xoga un bo partido en El Ejido mais non consigue puntuar (3-2)

Un encontro moi igualado, cunha primeira parte para o equipo local e unha segunda para o visitante pero que non chega a ser suficiente para levarse os 3 puntos

Burela, 11 de novembro, 2023. Esta tarde ás 18.30h no Pavillón Municipal de Deportes de El Ejido xogábase a 8ª xornada da Segunda Division Futsal, Inagroup El Ejido – Pescados Rubén Burela FS, un encontro moi igualado que finalmente se levou o conxunto local. Un bo partido do equipo mariñán pero con algún fallo de concentración que lle levou a quedar a un gol do empate, cunha mellor primeira parte para El Ejido e unha segunda metade para o Pescados Rubén que non foi suficiente nesta ocasión nunha competición moi igualada en xeral nesta tempada da Segunda División de Futsal masculino.

Unha primeira parte máis sufrida para o Burela FS que non estivo o suficientemente agresivo para poder recuperar e mostrou algo de incomodidade co balón. No minuto 6 tras estrelar Juanan o balón ao pau da portería visitante, o mesmo atopa o 1-0 cun taconazo desde dentro da área que acaba en gol. O encontro mantense igualado ata o descanso que conclúe con este resultado.

Na segunda parte o Pescados Rubén mostra unha mellor versión. Alex García consegue empatar o partido tras unha boa asistencia de Alberto no minuto 24, pero no 31 de novo Juanan adianta o marcador a favor do conxunto local, 2-1, cun gol de vaselina tras recoller o balón de costas a Michal. No minuto 37 o equipo dirixido por David Rial saca ao porteiro-xogador pero tras un erro de finalización, David Señoret consegue o 3-1 que “mata os mariñáns” a portería baleira, unha pena xa que un minuto depois Isma logra o 3-2 en situación de 5, pero pouco tempo resta para o final do encontro que remata con este resultado.

A semana que vén en Vista Alegre o equipo burelense terá que enfrontarse a un durísimo rival, o Sala 10 Zaragoza en Vista Alegre, equipo que está facendo unha gran tempada pero ao que os nosos Pícaros non llo van poñer nada fácil na bomboneira.

Ficha Técnica Inagroup El Ejido – Pescados Rubén Burela FS

Inagroup El Ejido (3): Manolo; Josete, Rangel, David, Beto -quinteto inicial-, Adrián, Juanan, Pele, Guille, Josu, Kadinho, Óscar, Diego Fernández e Jesús Gómez (P)

Pescados Rubén Burela FS (2): Kaluza; Lucho, Quelle, Isma, Malaguti -quinteto inicial-, Nico Rosental, Alberto, Flethes, Álex García, Charly, Ismael e Unai (P)

Goles: 1-0, min.6: Juanan. 1-1, min.23: Álex García. 2-1, min.31: Juanan. 3-1, min.38: David. 3-2, min.39: Isma.

Árbitros: Antonio González Blaya, Antonio Nicolás Navarro, José Antonio Raya Serrano, Claudiu Catalin Hiticas Palii.

TA: Manolo, Josete, David, Beto, Juanan, Lucho.

Exit mobile version