Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP advirte que diferentes criterios de Costas dificultan a execución de obras hidráulicas, como as depuradoras de Burela e Foz ou as redes de saneamento de Ribadeo e Celeiro

O deputado mariñán do PPdeG, José Manuel Balseiro, formulará unha pregunta, sobre esta problemática, no Pleno do Parlamento de Galicia desta semana

A Mariña, 20 de novembro de 2023. Os diferentes criterios, incluso contraditorios, que o Departamento de Costas do Estado aplica á hora de autorizar determinadas infraestruturas hidráulicas, como por exemplo as depuradoras de augas residuais, dificulta a execución destas obras nos concellos do litoral e pode facer que se perdan moitos cartos cos que financiar estes traballos.

Este motivo leva ao deputado mariñán do PPdeG, José Manuel Balseiro, a formular unha pregunta na sesión do Pleno do Parlamento de Galicia prevista para esta semana. Con esta iniciativa, o parlamentario popular quere coñecer os atrancos que atopa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, departamento do que depende Augas de Galicia, á hora de executar novas obras hidráulicas.

APOIO DA XUNTA AOS CONCELLOS

Balseiro lembra que a Xunta de Galicia é a administración que, con gran diferenza, máis apoia aos concellos galegos á hora de xestionar os servizos municipais de saneamento e abastecemento. A colaboración pode ser técnica -impulsando a redacción dos proxectos-, ou económica -financiando estas obras, achegando fondos propios autonómicos e tamén fondos europeos, que requiren dun prazo moi concreto de execución, que hai que respectar para non perdelos-.

De feito, o Goberno galego reserva, nos orzamentos do ano próximo, partidas millonarias –só na provincia de Lugo máis de 15 millóns de euros- para executar obras como a nova depuradora de Burela (2,6M€), a de Foz (5,6M€), ou para mellorar as redes de saneamento en Celeiro e Ribadeo que, en moitos casos requiren de permisos previos por parte de Costas do Estado.

Nos concellos costeiros, os requirimentos técnicos destas infraestruturas hidráulicas, e condicións como a orografía e a necesidade de aproveitar as masas de auga, aconsellan, na maioría das ocasións, que depuradoras e potabilizadoras se instalen moi próximas ao mar, na primeira liña do litoral, en moitos casos, na franxa de dominio público marítimo-terrestre que xestiona Costas do Estado.

RECURSO CONTRA A LEI DO LITORAL

O Goberno galego buscou cunha norma específica -a Lei de xestión do litoral- exercer as súas competencias sobre esta franxa, asumindo a responsabilidade de autorizar estas obras e establecer así, desde Galicia, os criterios para outorgar estes permisos. Pero o Goberno de Pedro Sánchez presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional que mantén paralizada esta norma ata que se pronuncie a Xustiza.

O comportamento do Goberno Sánchez con Galicia é contraditorio ao que vén aplicando con outras comunidades autónomas como a do País Vasco ou no seu día, en Andalucía, onde o Estado si permite á administración autonómica xestionar o seu litoral, sen necesidade de modificar o Estatuto. No caso da comunidade vasca van incluso máis alá, no recente acordo de investidura o PSOE garante ao PNV a xestión total do seu litoral, a mesma razón pola que levou a Galicia ante o Tribunal Constitucional.

Balseiro pide ao novo Goberno de España que rectifique e permita a Galicia decidir sobre a súa zona costeira e que non esqueza que a zona máis próxima ao mar non pode converterse nun parque temático. De feito sinala que, sempre coas máximas garantías ambientais, deben permitirse a continuidade de determinadas instalacións na costa, como son estas infraestruturas hidráulicas ou instalacións do sector mar-industria que tradicionalmente están emprazadas no litoral.

Exit mobile version