Site icon Crónica3.com A Mariña

Remata en Ribadeo a xuntanza do proxecto europeo de robótica, organizada por Apaga

Ribadeo, 17 de novembro de 2023. En Ribadeo remata hoxe a xuntanza do proxecto europeo de robótica, organizada por Apaga, que se veu celebrando desde o pasado o luns con asistencia de 20 profesores e alumnos chegados desde Italia, Polonia e Turquía.

Os asistentes cumpriron cunha intensa axenda ao longos destes días, que os levou a visitar centros de ensino, empresas e tamén enclaves turísticos.

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, fai unha valoración moi positiva: “o balance é moi positivo desde distintos aspectos. Por unha parte hai que destacar a colaboración das empresas e dos centros educativos que se visitaron. O IES de Foz acolleunos moi ben e serviunos unha comida realmente xenial, polo que temos que felicitar ao alumnado e ao profesorado de Hostalería; moitas veces non sabemos o que temos aquí ao lado.

Tamén hai que destacar todas as reunións de traballo e as visitas de tipo cultural, como a de onte pola tarde en Santiago, ou a que se fixo en Ribadeo, coa axuda do Concello, que se volcou na recepción, poñendo un guía, cunha serie de atencións como a actuación dun grupo da Escola Municipal de Música, que o fixo xenial e deulle un toque moi bo ao acto. Foi moi emocionante e unha gran acollida a estes socios nosos de Polonia, Italia e Turquía”.

Doural contou que “estamos a traballar nun novo proxecto, para que esta iniciativa teña continuidade, o que é un dos obxectivos de Erasmus +, que os proxectos nunca acaben, que sempre se manteña a relación con continuidade. E nesas estamos porque en todos estes días de traballo visitamos empresas punteiras, como onte Finsa, Urovesa ou Televés, e hoxe están en Avilés, nunha firma que se dedica ao tema de robotización de procesos produtivos. Creo que en xeral foi moi positivo e que todo o mundo pode estar moi contento, despois de todo o traballo de planificación”.

Os asistentes a esta xuntanza disfrutarán de Ribadeo este venres na súa última xornada na localidade.

Exit mobile version