Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle unha mesa de traballo da Xunta para avanzar no deseño da nova estratexia de turismo de Galicia

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que en colaboración co Clúster de Turismo convócanse catro xornadas na provincia con axentes públicos e privados para facer unha diagnose dos retos coa participación do sector

Ribadeo, 9 de novembro de 2023. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Ribadeo nunha mesa territorial de traballo con representantes do sector do turismo na Mariña, co fin de analizar as necesidade e retos desta zona de cara á planificación da nova estratexia turística de Galicia para o período 2024-2030.

A Xunta está a traballar en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia e coas tres universidades galegas no proceso de diagnose previo que permitirá coñecer a situación do turismo na Comunidade de xeito analítico e cunha visión conxunta. O obxectivo é planificar e afianzar o modelo galego con medidas orientadas á sustentabilidade e a dixitalización, entre outros aspectos.

Así, acaban de comezar as mesas territoriais de traballo que se desenvolverán en todas as provincias, catro delas en Lugo (en Ribadeo, Lugo, Monforte de Lemos e Sarria). A que se desenvolveu esta mañá na localidade ribadense congregou, entre outros, a representantes de concellos, establecementos de hostalería, aloxamentos, oficinas de turismo e guías turísticos, así como a membros do tecido asociativo do sector.

A finalidade destas mesas é reunir a axentes públicos e privados para analizar as necesidades e retos nesta materia de cara aos vindeiros anos. Recollerase información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da Comunidade.

Coa intención de dar cabida a todos os profesionais, esta información completarase coa recompilada a través dun cuestionario online no que poderán recoller a súa visión e suxestións. Por outra banda, para elaborar esta nova estratexia de turismo contarase tamén co aval científico das tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, que realizarán unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia.

Exit mobile version