Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo conmemorou o 25N cunha concentración, coa lectura dun manifesto e cun espazo artístico para a reivindicación

Ribadeo, 25 de novembro de 2023. Cunha concentración, coa lectura dun manifesto de cun espazo artístico para a reivindicación. Así celebrou Ribadeo o 25N.

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, foi a encargada de dar lectura ao manifesto conmemorativo: “como cada 25 de novembro, conmemoramos o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero contra as Mulleres. A violencia de xénero é unha das violencias contra os dereitos humanos máis estendida no mundo actual. Non podemos permitirnos ser indiferentes ante esta lacra que persiste na nosa sociedade. Non é só un problema das mulleres; é un problema de toda a sociedade”.

A edil ribadense dixo que “estamos aquí para comprometernos a traballar xunt@s para derrubar as barreiras que perpetúan a desigualdade. Somos motor de cambio da sociedade en cada conversación que desafía os estereotipos, en cada acto que defende a igualdade”.

E apostou por celebrar “a valentía das mulleres que se negan a ser vítimas, que alzan a voz e buscan xustiza. Apostemos pola liberdade a través da coeducación. Miremos cara ao futuro coa esperanza de que as xeracións que nos seguen serán menos tolerantes coa violencia e máis comprometidas coa equidade, pero nós somos o seu exemplo, non podemos baixar a garda”.

Tras a lectura do manifesto Ribadeo unida pola Igualdade, Forte contra a Violencia, un lenzo de emocións transformou o espazo da Casa Consistorial nun reflexo palpable da unidade e a creatividade. As escaleiras do Concello foron testemuña de murais que narraban desexos contra a violencia de xénero entrelazados con pinceladas de expresión artística.

Os actos do 25N seguirán mañá no auditorio municipal de Ribadeo coa representación de Miss España a cargo de Iria Piñeiro. Será ás 20 horas.

Exit mobile version