Site icon Crónica3.com A Mariña

Victoria en Vista Alegre ante un dos favoritos ao ascenso

Tres puntos nun dos encontros máis complicados da tempada, con doblete de Charly que estrena gol en competición ligueira

Burela, 18 de novembro, 2023. Esta tarde no Pavillón Municipal Vista Alegre de Burela xogábase a 9ª xornada da Segunda Division Futsal, Pescados Rubén Burela FS – Wanapix AD Salga 10 Zaragoza, un encontro moi igualado que finalmente se levou o conxunto local cun resultado 2-0. Con baixas importantes o Sala 10 Zaragoza caeu en Vista Alegre cando se atopaba no primeiro posto da clasificación, baixando ata o terceiro, e permitindo ao Pescados Rubén Burela FS continuar coa súa escalada ata os postos de playoff nunha tempada moi igualada nesta Segunda División. Previo partido, tras o Fair Play, José Ruíz, presidente de a Asociación de Xogadores de Fútbol sala (AJFS) e no seu nome, entregou o Premio a Mellor Porteiro da Segunda División da Tempada 22/23 á nosa “muralla” Michal Kaluza. Dende o club queremos darlle os parabéns polo galardón e pola tempada, aínda que tamén polo seu incrible traballo na tempada vixente.

Na primeira parte, sen goles, domina o Burela sobre todo ao comezo, con moita posesión do balón e varias oportunidades que non atopan o gol por parte de ambos os equipos, coma un pau de Ribera no minuto 10 que remata nun tiro de Quelle que sae fóra nun rexeite tras un disparo de Malaguti que aproveita a contra do pau de Ribeira. No minuto 17 tamén se produce unha situación moi perigosa para o equipo visitante nun centro de Alberto ao segundo pau que non alcanza Malaguti. Chega o descanso 0-0 no marcador.

Na segunda parte chegan por fin os goles, aínda que o partido se mostra máis igualado e con situacións moi perigosas para o Burela especialmente nos momentos de presión con xogo de 5 por parte do Sala 10, que utiliza desde o minuto 32 de forma intermitente ata o final do partido. No minuto 26 Malaguti dispara por arriba da portería un tiro desde a banda, no 27 Lucho case a enchufa tras unha perda de Dani Álvarez. No minuto 28 falta moi perigosa para o Zaragoza que sae a corner e remata cun zurdazo cruzado de Flores que saca Michal co pé. No minuto 31 chega finalmente o 1-0, nun remate de Charly tras un pase de Alberto ao 2º pau; primeiro gol de Charly en liga, logrando “sacar a espiña que tiña cravada” desde o inicio da tempada. Comeza a atacar o conxunto maño con porteiro-xogador pero os mariñáns aguantan e un Kaluza, como nos ten habituados, espectacular, consegue encaixar todos os balóns en contra durante os 8 minutos restantes. No minuto 37 chega o segundo de Charly que chega con todo para rematar de volea un balón solto e consegue o 2-0 co que se acaba o encontro.

Unha vitoria moi importante tanto polos 3 puntos para a clasificación como para continuar xerando unha boa dinámica para o difícil partido de Copa do Rei deste martes ás 20.30h ante o ATP Iluminación Tudelano Ribeira Navarra, dirixido polo técnico burelense Juanma Marrube que se enfrontará ao seu equipo “de toda a vida” na que foi sempre a súa bombonera. Un rival de Primeira División, pero que o terá moi dificil ante un Pescados Rubén que está conseguindo facer de Vista Alegre o seu fortín.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – Wanapix AD Sala 10 Zaragoza

Pescados Rubén Burela FS (2): M.Kaluza; Lucho, Quelle, Isma, Malaguti -quinteto inicial-, Nico Rosental, Alberto, Flethes, Álex García, Charly, Ismael e Unai (P)

Wanapix AD Sala 10 Zaragoza (0): Dani Álvarez; Diego Mercado, Adrián Rivera, Tomás Pescio, Óscar Andreu -quinteto inicial-, Óscar Villanueva, Mateo Flores, Alberto Inés, Richi Felipe, Adrián Ortego e Héctor Campo (P)

Goles: 1-0, min.31: Charly. 2-0, min.37: Charly.

Árbitros: Adrián Calleja Rubio, Gael García Schmid, Daniel López López, Eva López Seijas.

TA: Álex García, Malaguti, Alberto.

Exit mobile version