Site icon Crónica3.com A Mariña

Xs asistentxs á xuntanza do proxecto europeo de robótica, que se celebra ata venres en Ribadeo, visitaron As Catedrais e Alcoa

Ribadeo, 15 de novembro de 2023. Os asistentes á xuntanza do proxecto europeo de robótica, que se celebra ata venres en Ribadeo organizado por Apaga, visitaron esta mañá a praia das Catedrais e tamén as instalacións de Alcoa en San Cibrao. Este mediodía xantan no IES de Foz e pola tarde achegaranse ata Finca Galea.

O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, sinalou que “estamos a desenvolver unha intensa axenda de traballo e de visitas a centros de ensino e empresas. Onte, martes, pasamos polo campus de Lugo, fomos recibidos no Concello pola alcaldesa, Lara Méndez, e participamos tamén nunha competición no CIFP Politécnico de Lugo”.

Doural agradece “a colaboración das firmas e dos centros de ensino aos que acudiremos estes días, así como as recepcións ofrecidas polos Concellos de Ribadeo e de Lugo. Son 20 alumnos e profesores de Turquía, Polonia e Italia cos que traballamos neste proxecto de robótica e aos que aproveitamos para ensinarlles os potenciais turísticos da comarca da Mariña e de cidades como Lugo, Santiago e Avilés”.

A expedición viaxará mañá a Santiago de Compostela, onde visitarán o Parlamento de Galicia así como as empresas Televés, Urovesa e Finsa. E o venres desprazaranse ata Avilés.

Exit mobile version