Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación renova a colaboración co Concello de Viveiro para seguir impulsando o Belén xigante

A Xunta de Goberno aprobou destinar 40.000€ á instalación de Viveiro ante o Berce, “un dos grandes reclamos da nosa provincia no Nadal, que atrae a milleiros de persoas e, polo tanto, ten un importante retorno económico para o municipio e a súa contorna, sobre todo no sector da hostalería e o comercio”, subliñou Pilar García Porto

Lugo, 22 de decembro de 2023. A Xunta de Goberno aprobou este venres renovar a colaboración da Deputación co Concello de Viveiro por importe de 40.000€ para seguir impulsando o Belén xigante Viveiro ante o Berce.

“Con esta axuda contribuímos a que este Belén cada ano sexa diferente, e que poida introducir melloras para que continúe sendo un dos grandes reclamos da nosa provincia no Nadal”, subliñou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen incidiu en que o Belén xigante de Viveiro “é un recurso que atrae a milleiros de persoas e que, polo tanto, ten un importante retorno económico para o municipio e para a súa contorna, sobre todo no sector da hostalería e do comercio”.

A tamén Deputada de Promoción Económica e Turismo lembrou que, precisamente, “a política da Deputación no eido turístico vai nese camiño de traballar no territorio, da man dos concellos, neste caso co de Viveiro, para que os visitantes cheguen durante todo o ano, non só no verán, e favorecer desta forma un turismo de calidade e sostible, que crea actividade económica e emprego”.

O belén Xigante de Viveiro conta cun centenar de imaxes a tamaño real, incluíndo animais e numerosas estruturas coas que se recrean escenas do nacemento, pero tamén da vida dunha vila con todo tipo de actividades. Destaca pola súa beleza, a dimensión das pezas, e tamén por estar instalado no centro do casco histórico de Viveiro.

Exit mobile version