Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta exixe unha actuación leal, coordinada e comprometida de todas as administracións para garantir o futuro de Alcoa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe coa dirección de Alcoa

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co equipo directivo de Alcoa para avaliar a situación na que se atopa a planta de San Cibrao, logo de que a empresa anunciase o aprazamento temporal dos investimentos previstos nestas instalacións.

En declaracións aos medios ao termo da xuntanza, Lorenzana exixiu unha actuación “leal, coordinada e comprometida” de todas as administracións para garantir a viabilidade futura da factoría de Alcoa na Mariña. Nese sentido, asegurou que “é moi importante” a reunión convocada polo Ministerio de Industria para o vindeiro venres que Galicia solicitou a pasada semana. Un encontro, engadiu, no cal “será fundamental o papel da Administración do Estado” e a súa “sensibilidade” para articular medidas específicas para as empresas electrointensivas que permitan evitar o desmantelamento de empresas como Alcoa, abondou.

Neste contexto, a conselleira demandou a Alcoa “transparencia absoluta” e avanzou que existe un compromiso pola súa banda de reunirse co comité de empresa para concretar aos traballadores cal é o escenario que contemplan para a planta a medio prazo.
Lorenzana reiterou o “compromiso absoluto” da Xunta de Galicia coa factoría de San Cibrao e co emprego en toda a comarca, pero demandou a colaboración de todas as administracións implicadas. “Temos que loitar todos para que a situación da planta poida mellorar e teñamos para o 2024 unha axenda coa que continuar con eses compromisos de investimento que se asinaron en 2021 e se reformularon en febreiro deste ano”, aseverou.

Exit mobile version