Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnado de 2° de primaria de Colexio Sagrado Corazón de Xesús visitou o Concello de Ribadeo

Ribadeo, 4 de decembro de 2023. Trinta e seis nenas e nenos do Colexio Sagrado Corazón de Xesús visitaron hoxe o Pazo de Ibáñez. Xunto a eles estiveron o alcalde, Daniel Vega, e a concelleira de Atención Cidadá, Montse Seijo.

Segundo explica a profesora Ana Rañón “despois de rematar os contidos teóricos do tema Un lugar para vivir, pedímoslles, con axuda das súas familias, que realizaran con material reciclado distintos edificios emblemáticos do seu concello. Despois montamos, na aula, unha maqueta do concello, coas súas rúas, institucións…”.

E engadiu que “como remate final, quixemos que os nenos e nenas visitaran o Concello por dentro e coñeceran a figura do alcalde e dos concelleiros, así como dos traballadores municipais”.

Rañón tivo palabras de agradecemento: “agradecemos ao alcalde, Daniel Vega, e á concelleira Montse Seijo, a súa acollida e as súas explicacións no salón de plenos, onde @s nen@s puideron facer preguntas sobre o parque, a iluminación, etc. E a continuación visitamos a biblioteca municipal, onde Mónica Martínez nos explicou o seu funcionamento e algúns sacaron o carné da biblioteca”.

A profesora do Sagrado Corazón subliñou que “con esta aprendizaxe queremos que os nenos e nenas coñezan e exploren a organización da súa contorna próxima, a través da localidade, o municipio, os barrios e as aldeas. Tamén abordamos a vida en sociedade, a organización do municipio a través das súas institucións e servizos públicos. E ademais, queremos que tomen conciencia da importancia das normas de convivencia, de chegar a acordos de forma dialogada, e converterse en nenos e nenas partícipes da contorna e de desenvolver actitudes de respecto coa mesma”.

Exit mobile version