Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnos do Pedro Murias reciben formación práctica sobre o medio natural e a recuperación de fauna

Os estudantes do ciclo dual de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural visitaron o Centro de Recuperación da fauna do Veral, en Lugo

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2023. Os alumnos do ciclo dual de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo realizaron esta semana unha visita ao Centro de Recuperación da fauna do Veral, en Lugo.

Nestas instalacións, dependentes da Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, os estudantes coñeceron o funcionamento da piscifactoría para a produción de salmón e troita, para a súa posterior liberación nos ríos galegos. Tamén recibiron información sobre o programa de recuperación das poboacións de mexillón de río que se están desenvolvendo neste centro.

Posteriormente, o grupo de alumnos realizou a ruta das Chousas, situada no mesmo termo municipal de Lugo e que conta cunha lonxitude de arredor de tres quilómetros nos que, entre outros recursos, poden observarse os característicos camiños murados.

A visita do alumnado completouse cun percorrido polas instalacións de Biomasa Forestal, unha empresa galega con sede na localidade coruñesa das Pontes dedicada á fabricación de biocombustibles sólidos, maioritariamente pellets.

Este tipo de actividades integran a formación práctica dos estudantes deste ciclo no CFEA Pedro Murias, un dos centros deste tipo adscritos á Consellería do Medio Rural, xunto cos de Guísamo (Bergondo), Sergude (Boqueixón), Becerreá, Monforte de Lemos e Lourizán (Pontevedra).

Exit mobile version