Site icon Crónica3.com A Mariña

Cajoto: “Se Augas de Galicia afirma que asinan a acta de replanteo da depuradora de Foz e comezan as obras en xaneiro e Balseiro di que non poden, algún dos dous minte”

Foz, 15 de decembro de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, responde ás últimas declaracións do deputado autonómico do Partido Popular José Manuel Balseiro sobre a nova depuradora para Foz explicando que “se Augas de Galicia afirma que asinarán a acta de replanteo e que comezarán as obras no vindeiro mes de xaneiro e Balseiro di que non poden facelo algún dos dous minte”.

Como “disparate sorprendente” cualificou o alcalde de Foz as últimas declaracións do deputado autonómico do Partido Popular José Manuel Balseiro. E Fran Cajoto detalla que “o Concello de Foz rematou as expropiacións para a nova depuradora o 4 de xullo deste ano 2023. Nesa data o Concello transferiu á Caixa Xeral de Depósitos os importes totais da valoración das distintas fincas. Polo tanto o señor Balseiro está completamente errado, minte ou lle menten no partido descaradamente”.

Cajoto engade: “o 20 de outubro deste ano 2023 recibimos no Concello de Foz un escrito do director do contrato da depuradora, Jean Pierre Blanco Menéndez (Augas de Galicia) no que se remite o proxecto construtivo redactado pola UTE Espina y Delfín SL e Construcciones y Canalizaciones José Saá SL e supervisado e aprobado por Augas de Galicia. Nese documento requíresenos que enviemos a documentación relativa á disposición dos terreos para poder asinar a acta de replanteo e comezar as obras, trámite que realizamos o 8 de novembro deste ano 2023 ás 12:18 horas”.

“Despois de sete anos de retraso de Augas de Galicia o señor Balseiro bótalle a culpa ao Concello de Foz. Tamén a podería ter o chachachá, a Xunta desde logo que non”, ironiza o alcalde, quen engade: “este xoves, día 14, Augas de Galicia por vía telefónica indícanos que asinará a acta de replanteo coa UTE na segunda quincena do mes de xaneiro do vindeiro ano 2024. E agora lemos isto que di Balseiro, unha nota de prensa que é un auténtico disparate”.

Fran Cajoto considera que unha posible motivación do señor Balseiro para redactar esa nota de prensa é que “ou ben quere ser o próximo candidato á alcaldía de Foz polo Partido Popular, o cal me parece lícito, ou ten ordes do PP de atacar a este Concello coa ocorrencia que sexa pola proximidade das autonómicas”.

O alcalde focego adianta que “o vindeiro luns remitirémoslle ao grupo parlamentario do Partido Popular na Xunta de Galicia unha solicitude de reunión co señor Balseiro na casa consistorial do Concello de Foz. O obxecto da reunión será aclararlle o estado de tramitación da depuradora para que non cometa máis erros e a poder ser non continúe coa cantinela de botarlle a culpa ao Concello ou a Costas. Vamos ofrecerlle tres datas para que non teña problemas de axenda, esperemos que acuda”.

Exit mobile version