Site icon Crónica3.com A Mariña

Malasombra Teatro chega este sábado ao Pastor Díaz con ‘Os Fabulosos Cleaners’

O espectáculo, dirixido a un público infantil e familiar, comezará ás 18:00 horas deste sábado 9 de decembro

Viveiro, 4 de decembro de 2023. O Teatro Pastor Díaz do Concello de Viveiro acollerá a representación do espectáculo ‘Os fabulosos cleaners’ de Malasombra Teatro este sábado 9 de decembro ás 18:00.

Os Fabulosos Cleaners é un espectáculo para todas as idades, creado por Luis Beviá e Xoque Carbajal, con dirección de Marcos Orsi e Xoque Carbajal e interpretado por Xoque acompañado de Jouse García. O deseño de son da obra está a cargo de Beviá, Orsi e Carlos Mosquera, mentres que o vestiario é responsabilidade de Carlos Alonso.

Carbajal e García interpretan a dous operarios da limpeza do teatro que descobren por casualidade as múltiples posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, os personaxes emprenderán unha viaxe fantástica conducidos polas pompas e burbullas.

Os intérpretes sorprenderán ao público con burbullas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. Será un espectáculo cheo de cor e de moito humor, que encherá o patio de butacas de miles de pompas de xabón.

Exit mobile version