Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Ribadeo fai un balance positivo do ano que remata e considera que o 2024 será esperanzador

Ribadeo, 30 de decembro de 2023. O alcalde, Dani Vega, fai un balance positivo do ano que remata e considera que o 2024 será esperanzador para Ribadeo e a súa veciñanza. Así o asegura nun vídeo coa súa mensaxe de felicitación para estas datas.

O rexedor inicia a súa intervención sinalando que “remata o 2023, un ano cargado de ilusión, de proxectos e cambios, un ano con moitas alegrías e tamén momentos difíciles, e en especial quero recordar a baga de lumes que sufrimos todos os ribadenses”.

Vega subliña que “fomos un exemplo como pobo de entrega, servizo, solidariedade… son palabras que definen claramente a Ribadeo. Agora toca xestionar a colaboración institucional para ir solucionando os problemas”.

O alcalde sinala que “en breve comezará un ano e tamén un orzamento para investir: 12,3 millóns de euros, o máis alto da historia de Ribadeo. Como goberno sabemos que temos que traballar arreo, é dicir centrarnos nos retos nos que debemos avanzar como pobo. Trátase dun orzamento máis social: a reforma do hospital asilo, a construción do novo centro de saúde e seguir mellorando e perfeccionado o servizo de axuda no fogar”.

Vega segue a súa disertación cos retos para o novo ano: “un Ribadeo máis rural apostando por un novo plan de infraestruturas estratéxico e pactado cos veciños e ir incrementado o orzamento todos os anos. Un Ribadeo máis sustentable, tamén un Ribadeo máis verde e aplicando novas medidas: mellorar os parques, facer a reforma integral do Campo de San Francisco e o xardín de Indianos. E mellorar as nosas infraestruturas, é dicir as rúas de Ribadeo. E entre todos ter un Ribadeo máis limpo. Queremos un Ribadeo con máis servizos e por iso xa estamos a traballar en novos aparcadoiros, un Ribadeo que estea aberto ao mundo e por iso estamos a crear un plan estratéxico de turismo, abrindo as portas e tendo claro que somos a capital astur galaica. E tamén queremos avanzar para que Ribadeo se converta nun referente cultural, nunha verdadeira capital cultural, por iso o 2024 será un gran ano, entre todos seguiremos mellorando o Ribadeo que queremos”.

E engade: “neste Nadal, no que estades entre amigos e entre familia seguramente que estades a disfrutar tamén das actividades que temos en Ribadeo, deséxovos un próspero 2024”.

Exit mobile version