Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo anima a defender o comercio local e os produtos de proximidade no Nadal e ao longo de todo o ano

Ribadeo, 27 de decembro, 2023. O BNG de Ribadeo sempre defendeu e apoiou o comercio local tanto na súa acción de goberno no concello como desde o seu labor de oposición. Só se valoramos o propio e apreciamos os nosos produtos de proximidade, poñemos en valor o noso tecido produtivo. Non podemos pensar que imos saír adiante imitando outros e ignorando o que facemos aquí.

Foron moitos anos de goberno nos cales o BNG desenvolveu unha política activa de promoción do comercio local: distintos eventos sen os que hoxe non ten sentido pensar en Ribadeo e os seus mercados, a campaña das Panchas… “Sempre apostamos por desenvolver o comercio local e promocionar os nosos produtos de proximidade. E a súa influencia ao longo destes anos aí está”.

“Seguimos animando á xente a facer uso do produto local e os mercados de proximidade pois resulta moi positivo. Damos vida ás nosas tendas e comercios, que fan de Ribadeo, de calquera vila galega, un gran centro comercial; axudamos a manter poboación nas nosas parroquias dando saída aos seus produtos, dinamizamos a vida da vila potenciando a súa actividade comercial e, por extensión, a da hostalaría que acolle tanta xente que merca en Ribadeo”.

No seu labor de oposición, O BNG de Ribadeo vai seguir propoñendo medidas que nos permitan ir a máis na revitalización tanto dos nosos produtos, como do comercio e da hostalaría ribadenses. Nestas datas procede facelo desde a concienciación, desde a posta en práctica desas mensaxes consumindo en Ribadeo e consumindo produtos ribadenses, e tamén desde o apoio a quen se dedica ao mundo da creación artística.

“A nosa cultura, nomeadamente a nosa lingua, é igualmente un baluarte desde o que promover os nosos produtos locais, a nosa artesanía, a nosa horta e o noso comercio. A nosa poesía, novela, relatos curtos; a nosa música e as artes plásticas tanto de xente que xa non está connosco, como da xente nova que está a producir nova creación, van configurando unha imaxe colectiva que fai do noso concello, e da comarca en xeral, un referente que sempre estará presente á hora de facer os nosos agasallos e de mercar os bens básicos para a vida cotián e o tempo de lecer”.

Exit mobile version