Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo compra dous inmobles para continuar coa rehabilitación de Rocha de Vélez e a praza de San Xoán

O investimento de 55.768 euros será subvencionado na súa totalidade pola Xunta de Galicia en virtude dun convenio para actuacións de mellora da accesibilidade e mobilidade na Área Rexurbe

Mondoñedo, a 12 de decembro de 2023. O Concello de Mondoñedo compra dous inmobles imprescindibles para continuar coas actuacións previstas na Área Rexurbe coas que “rehabilitar e poñer en valor o casco histórico”. O Concello dirixe un total de 55.768 euros subvencionados na súa totalidade pola Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Segunda – Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Trátase de dúas das actuacións contempladas no convenio entre ambas entidades asinado en xuño deste ano co obxectivo de mellorar as condicións de accesibilidade e mobilidade na Área Rexurbe de Mondoñedo.

Por unha banda, o Concello adquire unha parcela en Rocha de Vélez por 15.420 euros para acometer, posteriormente, unha actuación para ampliar o camiño duns 655 metros desde a N-634 ata o casco histórico do Concello coa que facilitar o acceso ao centro e desconxestionar os accesos de Xulia Pardo.

Igualmente, esta vía dará acceso ao terreo adquirido fai máis dunha década detrás do edificio emblemático do Pazo de Santo Tomé para que servira de aparcadoiro; ademais de mellorar as entradas cara a residencia de anciáns, o Hospital San Pablo e o centro médico. A obra prevista contempla, ademais da ampliación da vía, a substitución de canalizacións, luminarias e a reparación dos muros de contención das parcelas afectadas.

E, por outra banda, o Concello merca por 40.348 euros outro inmoble sito na praza de San Xoán que, trala súa demolición debida ao mal estado de conservación e o acondicionamento da parcela, permitirá a humanización deste lugar tan emblemático e transitado por dar acceso ao Xulgado, ao albergue de peregrinos ou á Capela da Orde Terceira. Segundo recolle o PXOM, o solo pode ser dedicado a múltiples usos, case todos eles vinculados ao ocio.

Área Rexurbe

O Concello de Mondoñedo foi o primeiro de Galicia, en febreiro do 2020, en ter declarada unha Área Rexurbe (Área de Rexeneración urbana de interese autonómico) que comprende o conxunto histórico do municipio e unha zona contigua que, na súa totalidade, supón unha superficie de 0,45 km2 na que se localizan 704 edificios e 915 vivendas.

Exit mobile version