Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide ao goberno provincial o acondicionamento de arcéns e beirarrúas na vía de acceso ao cemiterio municipal de Viveiro

Os populares piden aos gobernos local e provincial que “sexan sensibles coa necesidade dunha zona de aparcamento preto do cemiterio” e que fagan os estudos e xestións oportunas para dotar deste servizo á zona

Sábado, 9 de decembro de 2023. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, pide ao goberno provincial o acondicionamento das marxes da LU-P-6605 a carón do cemiterio municipal de Viveiro; así coma a avaliación do estado desta vía -construída a media ladeira- para evitar posibles desprendementos. Así o manifesta tras unha visita ao municipio na que a voceira municipal, Mariña Gueimunde, lle trasladou algunhas demandas en ámbitos que son competencia da Deputación de Lugo.

O popular puido comprobar as deficiencias da vía que carece de arcéns e beirarrúas e, polo tanto, pode supoñer un perigo para os viandantes que se vén obrigados a empregar a calzada na zona do cemiterio, entre a ponte do tren e o cruce que comunica con San Roque. Trátase dunha zona transitada por estar preto do casco urbano, comunicar co cemiterio e constituír o principal acceso ao monte de San Roque.

“Á vista de que é un tramo de moi poucos metros, non requiriría demasiado esforzo inversor; pero si reportaría beneficios aos veciños e veciñas de Viveiro ao ofrecer un servizo en condicións de seguridade”, remarca Ameijide.

É que “a situación complícase nos momentos de maior afluencia de vehículos e peóns como, por exemplo, coincidindo con enterros” porque non hai suficiente espazo habilitado para aparcar os coches. Neste sentido, os populares piden aos gobernos local e provincial que “sexan sensibles con esta necesidade” e que fagan os estudos e xestións oportunas para dotar ao cemiterio dunha zona de aparcamento.

Ameijide continúa así coñecendo de primeira man as necesidades dos veciños e veciñas da provincia para propoñer solucións e dar traslado das demandas ante a Deputación de Lugo.

Exit mobile version