Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG alerta de que a Consellería do mar gastou menos da metade do orzamento en 2022

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, lamentou hoxe a negativa do PP a apoiar a iniciativa que presentou na Comisión de Pesca do Parlamento para pedirlle á Consellería que execute os seus orzamentos “ao máximo posible”. Otero sinalou á xestión “desastrosa” e “rácana” dos orzamentos dispoñibles, que “quedaron no edificio da Consellería do Mar e non chegaron ao sector”.

Otero explicou que a consellería apenas executou o 49,1 por cento, menos da metade do Orzamento vixente no último exercicio pechado, que foi 2022, unha cifra “dramática” que apenas supón o 36,8 por cento do Orzamento inicialmente aprobado no Parlamento, pero que foi sucesivamente reducido con modificacións de crédito ao longo do ano. Alertou de que con esta práctica, habitual dende a chegada do PP á Xunta, deixan ao sector completamente de lado.

Advertiu que esta política de aforro a costa de abandonar ao sector provocará a devolución de “moitísimos cartos” procedentes de fondos europeos que están condicionados a que sexan executados polo goberno galego. Criticou que, ademais de deixar partidas millonarias sen executar e de poñer enriba da mesa medidas sen dotación orzamentaria, amosan unha máis que preocupante falla de axilidade á hora de afrontar os problemas do sector.

Acusou á Consellería de “mirar para outro lado a ver se a solución ven sola” mentres os bancos marisqueiros afrontan perdas de produción de ata o 70 por cento, mentres “deixan millóns sen executar que virían moi ben para sanear, facer dragaxes ou axudar ao sector”.

Explicou que ata agosto de 2023 non abriron unha liña de axudas polo incremento de custes provocado pola invasión de Ucraína, as axudas para os cerqueiros afectados polo recorte do xurelo “nunca chegaron” e as axudas ao libre marisqueo deste ano acumulan 9 meses de retraso.

Patricia Otero criticou a actitude “totalmente conformista” do conselleiro do Mar co escaso peso orzamentario desta Consellería dentro dos Orzamentos do goberno galego, xa que sube apenas un 1 por cento, claramente por debaixo da media. Advertiu que a Consellería “limítase a criticar as decisións do goberno central e reclamarlle ás outras administracións nas que non goberna o PP “esquecendo” que teñen competencias para axudar ao sector que seguen sen exercer.

Exit mobile version