Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco celebra en Pescados Rubén o acordo histórico acadado polo Goberno na UE para elevar as capturas de pescada do que se beneficiará a flota galega

O delegado do Goberno sinalou a complexidade das negociacións, das que dixo saír satisfeitos dada a importancia que a pesca ten para a economía de moitas familias galegas e da propia comunidade

Foz , 12 de decembro de 2023. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, celebrou o acordo conseguido polo Goberno no marco do consello de ministros de Pesca da UE que eleva 10,5% as capturas de pescada para España, ata as 11.000 toneladas, o que supón a cifra máis importante do século e un pulo para a flota pesqueira galega, unha das máis importantes da Unión.

En palabras do delegado, “trátase dun acordo histórico froito dunha longa, complexa e difícil negociación da que saímos moi satisfeitos, pois estamos a cumprir cun sector do que viven centos de familias na nosa comunidade e que é vital para a economía de moitas vilas mariñeiras”.

Pedro Blanco fixo estas declaracións durante unha visita esta mañá en ás instalacións de Pescados Rubén, grupo líder no sector pesqueiro, onde destacou o apoio á modernización e innovación de sectores tradicionais como a pesca para o crecemento e a internacionalización das empresas galegas. No acto estivo acompañado da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o alcalde de Foz, Francisco Cajoto; a alcaldesa de Burela, Carmela López; e o xerente da empresa, Manolo Blanco, así como membros do seu equipo directivo.

Pedro Blanco salientou o compromiso do Goberno co sector pesqueiro, “fundamental para a economía de Galicia e de territorios como A Mariña, unha actividade que supón o 7% do PIB”. O delegado subliñou que Pescados Rubén “é un claro exemplo do apoio do Goberno de España ás empresas galegas a través do Plan de Recuperación, unha constatación de que os recursos están chegando a todos e cada un dos sectores, facilitando a transformación do tecido empresarial galego e lucense”.

Na visita ás instalacións, supervisáronse varios proxectos financiados polo Goberno en materia de innovación e modernización, “iniciativas que superan os máis de 500.000 euros en axudas e que demostran o compromiso do Goberno cun sector vital para Galicia, que seguirá nesta nova lexislatura da man do ministro Planas para responder aos desafíos do presente e do futuro”.

Proxectos financiados

En concreto, os fondos asignados posibilitaron a construción da liña que completa o túnel de conxelación, con capacidade para xestionar máis de 100.000 kg de peixe ao día. Tamén se introduciu un novo sistema de produción para elaborar hamburguesas de peixe, e actualmente están a traballar desde o departamento de I+D+i na implementación dun plan de marketing para captación de clientes a nivel internacional co fin de aumentar a exportación.

Referencia empresarial

Pedro Blanco agradeceu ao xerente, Manolo Blanco, e a todo o equipo o recibimento, dando “os meus parabéns por todo o traballo ao longo destes case 40 anos”, lembrando así mesmo os seus inicios “como empresa familiar que a través de moito esforzo conseguiu consolidarse como referencia na distribución e comercialización de peixe, tanto no mercado nacional como internacional”, remarcou.

Ademais, puxo en valor á empresa como “referencia para o empresariado do país, combinando eficiencia, sustentabilidade e rendibilidade”, asegurando tamén que “seguiredes contando co noso apoio, porque este Goberno é o mellor aliado para as empresas”.

Exit mobile version