Site icon Crónica3.com A Mariña

Por Nuestro Faro lamenta a presenza de Laureano Oubiña en Ribadeo

Ribadeo, 13 de decembro, 2023. Por Nuestro Faro lamenta a presenza de Laureano Oubiña na Illa Pancha. “Acabamos de saber que Laureano Oubiña vén promocionar o seu libro «Desmontando Fariña» a Ribadeo. Non é algo que se anunciara con gran alarde, tendo en conta que, neste preciso momento, ningún medio de gran audiencia ou difusión na Mariña difundiu a noticia. Que o contrabandista e narcotraficante Oubiña vaia vir a Ribadeo para presentar un libro de reparación de imaxe é un feito que nos deixa abraiados porque, segundo conta, elixiu Ribadeo para esa presentación “polos vínculos da comarca asturiano-galaica no seu pasado de contrabando”. Que detalle. Sobre todo, que detalle para as nais e pais dos cativos que caeron na droga e desapareceron coma se nunca existisen, que Oubiña veña persoalmente a poñer os puntos sobre os i a Ribadeo”.

“Porque, segundo afirma, pretende “desmantelar as falsidades difundidas [,,,] pola serie Fariña”, e de paso poñer no seu lugar a produtores, directores, guionistas, cineastas, actores, etc., e chegar aos sumidoiros do estado. Mesmo ironiza: “O importante é o negocio, porque a verdade non interesa a ninguén”. Dío unha alma pura e desinteresada”.

“En fin, todo é tan grotesco, tan triste e tan infame como quitar as tumbas dicindo que as lápidas minten”.

De xeito independente da moral e do civismo, calquera ribadense tería dereito como cidadán a facerlle ao alcalde unhas preguntas directas. Por exemplo :

• ¿Sabía vostede que Laureano Oubiña, o famoso contrabandista e narcotraficante, ía vir a Ribadeo para presentar un libro? É unha pregunta retórica, así que podemos pasar á seguinte:
• Por que o Concello asume que un delincuente veña a Ribadeo a limpar a súa imaxe? E, máis concreto:
• Por que o alcalde acepta que Laureano Oubiña use para tal operación un enclave único e un lugar emblemático para todos os ribadenses?

“Descoñecemos cales son as condicións, as negociacións e o contexto no que se levou a cabo a normalización de que un individuo destas características poida vir á Illa Pancha para facer os seus negocios particulares. Pero sabemos que todo é posible unha vez que se privatizan os bens públicos”.

“Quizais o feito de que Nuñez Feijóo fixera un paseo en barco co compañeiro de contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado normalizou a iniciativa. Porén, pensamos que aquí se deu un paso máis cando o dominio público se utiliza para caprichos privados, e que este colegueo co lado escuro debería quedar no dominio privado”.

Noutras palabras: o feito de que a illa sexa obxecto dunha concesión non elimina de ningún xeito o carácter público dese espazo, e este feito atenta contra a dignidade dos ribadenses. En consecuencia, pedimos ao alcalde que aclare a súa postura, e que os partidos da oposición se pronuncien ao respecto.

“O prazo de concesión da Illa Pancha remata en 2025, e cremos que é un bo momento para que, sen ampliacións de ningún tipo, o espazo público deixe de ser un receptáculo de intereses privados”, conclúe Covadonga Suárez, presidenta da A.V. Por Nuestro Faro

Exit mobile version