Site icon Crónica3.com A Mariña

Sete persoas, tres delas menores, resultaron afectadas con síntomas de intoxicación por inhalación de monóxido en Foz

Foz, 7 Decembro, 2023. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia pola Policía Local, un total de sete persoas necesitaron asistencia médica esta tarde ao experimentar síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono.

Ocorreu nun domicilio na Avenida Ollo do Mar, no concello lucense de Foz, onde os bombeiros puideron comprobar como a mala combustión dun braseiro provocou a acumulación suficiente de monóxido como para provocar mareos a sete das nove persoas que estaban no interior da vivenda no momento dos feitos.

Os afectados foron valorados polo persoal de urxencias sanitarias no punto e logo evacuados ao centro hospitalario de referencia. Tres cativos e un adulto tiveron que ser trasladados en ambulancia mentres que as outras persoas foron evacuadas por particulares ao hospital.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ao recibir a chamada de alerta dun particular preto das seis horas da tarde de hoxe. De inicio, o alertador solicitaba asistencia para os menores, acometidos por un malestar compatible cunha intoxicación por monóxido de carbono.

De inmediato, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros e ao GES de Cervo.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron que as medicións correspondentes resultaron positivas. Deste xeito, procederon a ventilar o inmoble e volveron comprobar os niveis para determinar a mellora da calidade do aire.

Cómpre sinalar que desde o 112 Galicia avisouse tamén aos axentes da Policía Local e aos membros de Protección Civil da localidade.

Exit mobile version