Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro estrea APP turística coa recreación en realidade aumentada da porta de Carlos V

“É o xerme dun proxecto para recrear en 3D todo o Viveiro medieval”, explica a alcaldesa, María Loureiro

Viveiro, 13 de decembro de 2023. O Concello de Viveiro presentou hoxe unha nova aplicación turística que inclúe a recreación en realidade aumentada da porta de Carlos V, ademais doutros servizos para veciños e visitantes.

“Un paso máis na nosa aposta pola dixitalización turística, este é o xerme dun proxecto máis ambicioso para recrear en 3D todo o Viveiro medieval”, explica a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

A concelleira de Turismo, Marisol Rey, destaca “a importancia de ofrecer este tipo de recursos ás persoas que nos visitan e aos propios veciños e veciñas, dándolles experiencias novas para desfrutar de Viveiro”.

A nova aplicación, para a que o Concello de Viveiro conseguiu unha subvención da Xunta de Galicia con fondos europeos, ten xeoposicionamento para a dixitalización e posta en valor dos recursos patrimoniais e turísticos de Viveiro.

Coa implantación desta app en Realidade Aumentada (RA) en Viveiro, o concello sitúase á vangarda das tendencias tecnolóxicas no sector turístico. A app permite dixitalizar 100 recursos turísticos (dos que agora mesmo hai recollidos máis 60) e 20 rutas (das que xa hai trazadas a metade).

“Dende o Concello de Viveiro apostamos por unha solución tecnolóxica cun enorme potencial, e cunha aposta decidida pola sostenibilidade, ao non necesitar de elementos físicos para o seu lanzamento. A app permite reducir o consumo de papel e outros materiais impresos, contribuíndo á redución da pegada ecolóxica do turismo”, engade Loureiro.

A App pódese descargar nos seguintes enlaces:
Enlace descarga App Store:
https://apps.apple.com/us/app/viveiro-ar/id6467196751
Enlace de descarga Play Store:
https://play.google.com/store/apps/details?id=com.arvision.ViveiroAR

Exit mobile version