Site icon Crónica3.com A Mariña

Xove celebra este venres a V Gala do Emprendemento Local

Xove, 19 de decembro, 2023. Este venres 22 de decembro ás 20:30 h. no Salón de Actos do Centro Cívico vaise celebrar a V Gala do Emprendemento Local no Concello de Xove, organizada polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local.

A condución desta Gala correrá a cargo dalgunhas das actrices de teatro máis relevantes de Galicia, concretamente das Fillas Bravas do Grupo de Teatro Chévere, que con total seguridade farán as delicias de todos os presentes.

O obxectivo da Gala é pór en valor o talento emprendedor e o apoio ao empresariado local. Neste sentido, a Gala vaise centrar na intervención da gandeira Lucía González e Simón Huerta de Balea Verde.

Explicaran como lles xurdiu a idea empresarial; cales foron as principais motivacións; cales cren que son as súas calidades como persoas emprendedoras; cales son os puntos fortes da súa empresa; como foi o proceso de creación empresarial: avaliación da idea, busca de financiación, busca de clientela, tramitacións, axudas, atrancos cos que se atoparon; se volverían facelo; e que plans de futuro teñen.

Con seguridade estas experiencias emprendedoras serán exemplos a seguir, serán referentes para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial.

Esta gala celébrase tamén para pór en valor o emprendemento (especialmente o das mulleres), o desenvolvemento sostible, o talento, a lingua galega, o sinxelo, o rural, o sólido, o apoio mutuo, o respecto, a creatividade, a confianza, a responsabilidade, o comercio local, o próximo, o compromiso.

Na Gala vaise presentar tamén a Campaña Xove Emprende en Galego, a cal está subvencionada pola Xunta de Galicia.

O Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local, organizador desta Gala, está a disposición para ofrecer asesoramento, porque non é suficiente ter unha boa idea, é preciso avaliala e darlle forma chegando á elaboración dun Plan de Empresa viable.

A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo, as portas abriranse ao público ás 20:15 h.

Exit mobile version