Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña apoia a manifestación, que terá lugar en Compostela o 4 de febreiro, co lema “pola sanidade que queremos e merecemos”

A Mariña 18 de xaneiro de 2024. A Platforma presentou este xoves a manifestación que terá lugar en Compostela o día 4 de febreiro de 2024 ás 12 horas, con saída desde a Alameda e chegada á Praza do Obradoiro, despois de percorrer diversas rúas da cidade.

A manifestación está convocada polo colectivo SOS Galicia, do que forma parte, ao igual que todas as plataformas sanitarias do país, organizacións sindicais e políticas, colectivos profesionais e sociais, asociacións de pacientes; ata un total 55 organizacións, e responde ao lema “pola sanidade que queremos e merecemos”.

A sanidade publica galega foi obxecto durante moitos anos de recortes serios que foron producindo un deterioro progresivo dos servizos sanitarios, de xeito que hoxe atopámonos na última etapa do seu desmantelamento, tanto pola insuficiencia de profesionais como a falta de materiais, colapsos de servizos de urxencias hospitalarias e extrahospitalarias, listas de agarda escandalosamente elevadas e á vez manipuladas, ocultando a máis da metade dos pacientes que están esperando para unha consulta, proba ou intervención.

Son estes parte dos motivos que fan tan necesaria a convocatoria desta gran mobilización de toda a sociedade galega, que esixa ao goberno que mude esta inaceptábel situación.

Desde as plataformas e organizacións convocantes esiximos a posta en marcha das seguintes 13 medidas, que entendemos como moi urxentes:

1- Incremento do orzamento sanitario, especialmente na primaria ata o 25% do total, segundo as indicacións da OMS e eliminación da derivación sistemática de pacientes á sanidade privada
2- Incremento urxente do persoal de medicina familiar, pediatría e enfermería. Asemade, incorporar aos equipos sanitarios novas categorías profesionais coma psicoloxía clínica, logopedia, terapia ocupacional, atención temperá, nutricionistas, hixiene bucodental, podoloxía ou optometría.
3- Apertura dos Centros de Saúde pechados e creación de novos onde sexa preciso e mellorando en todos a súa dotación e equipamentos.
4- Reintegrar o servizo de ambulancias á rede pública, aumento na dotación das mesmas e incremento do número de ambulancias asistenciais e medicalizadas, totalmente insuficientes na actualidade.
5- Implementar un plan urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias. Reapertura de camas clausuradas e recuperación de servizos pechados dos hospitais comarcais. Modificar a lei de garantías sanitarias, que favorece a derivación cara á privada.
6- Garantir que a atención médica das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia se fai desde o sistema sanitario público, sendo as referencias os centros de saúde.
7- Reintegración ao sistema público dos servizos privatizados: Información, historia clínica, receita electrónica, central de chamadas, loxística, investigación e docencia. Recuperar o Hospital Álvaro Cunqueiro para o sistema público.
8- Elaboración dun Plan de Saúde Mental consensuado que dote ao sistema dos recursos e persoal axeitados e que garanta a presenza de profesionais de saúde mental na Atención Primaria.
9- Eliminar a inestabilidade e precariedade laboral. Contemplar a dedicación exclusiva só para persoal que traballa no sistema sanitario público.
10- Concursos públicos, transparentes e abertos para os cargos de xestión do sistema público e erradicar as prácticas de clientelismo e nepotismo.
11- Recuperar as Xerencias de Atención Primaria, con capacidade resolutiva e orzamento propio. Transformar as Áreas Sanitarias para a recuperación da coordinación e xestión integrada da Atención Primaria, hospitalaria, saúde pública e atención á dependencia. Recuperar as áreas sanitarias suprimidas.
12- Reorientar o sistema ao modelo comunitario e participativo.
13- Desmedicalizar o sistema e acabar co uso irracional e abusivo de fármacos e novas tecnoloxía e poñer o eixo do mesmo na Atención Primaria.

Todas estas medidas, que consideramos urxentes, de aplicarse lograrían o inicio da reconstrución do sistema sanitario público desde a base, é dicir desde o nivel básico de saúde e progresando cara aos seguintes niveis. Entendemos que a maior parte da estrutura básica de saúde foi derrubada desde o goberno da Xunta de Galicia, que a magnitude da destrución é enorme, polo que será moi dificultosa e moi ardua a tarefa de reconstrución, pero tamén entendemos que hai que acometela xa con todos os medios dos que se dispoñen e con xenerosidade, tanto orzamentaria como de traballo e vontade.

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña queremos facer un chamamento a toda a poboación para que acuda de xeito masivo a esta manifestación, pois está en xogo a recuperación do noso sistema sanitario público. Non podemos deixar que nos arrebaten un dos dereitos máis básicos que temos, o dereito á saúde e solo a mobilización social é quen de conseguir que muden as cousas. Desde a Mariña haberá autobuses para desplazármonos a Santiago.Para as reservas hai que chamar aos númeos seguintes: 982140654, 982581861 e 667052058. O último día para reservar é o xoves 1 de febreiro de 2024 ás 14 horas.

Lembrar tamén que o próximo domingo 21 de xaneiro de 2024 haberá unha concentración convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña en Lourenzá na Praza do conde Santo ás 12 horas. A concentración responde ao lema “POLA PEDIATRÍA QUE QUEREMOS E MERECEMOS”.

Este colectivo sanitario apoia a concentración convocada polo tecido asociativo do Vicedo, e que terá lugar tamén o domingo 21 de xaneiro, ás 11:30 horas diante do Centro de Saúde, baixo o lema “MÉDICOS NO VICEDO XA”.

Exit mobile version