Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licita as obras de restauración da fachada principal da igrexa de Santa María de Meira

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se destina un orzamento de 156.500 euros á intervención, que tamén mellorará a accesibilidade ao templo e á torre do reloxo

Meira, 11 de xaneiro de 2024. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de licitar as obras de restauración da fachada principal da igrexa de Santa María de Meira, cun orzamento de 156.500 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou hoxe que se actuará sobre os paramentos para resolver danos froito da climatoloxía e da erosión, como a filtración de humidades, fisuras e gretas, tal e como se recolle no inicio do procedemento administrativo publicado na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Así mesmo, inclúese a intervención en elementos singulares: a portada románica, a porta principal e a porta tapiada do baptisterio, o rosetón, as xanelas, a torre do reloxo e un tramo da fachada sur ata o primeiro contraforte.

Por último, melloraranse as condicións de accesibilidade ao templo, substituíndo a actual rampla metálica por outra de pedra e con menor pendente, e no acceso á torre do reloxo colocarase pavimento antideslizante e unha varanda para reforzar a seguridade.
As empresas interesadas en optar á licitación poden presentar as súas ofertas ata o día 7 de febreiro. O prazo máximo de execución das obras será de seis meses e a previsión é que poidan comezar na primavera.

Características

A igrexa de Santa María de Meira ten a consideración de Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento. Trátase dun templo cisterciense do século XII que formaba parte do mosteiro benedictino, hoxe practicamente desaparecido.

A fachada principal da igrexa é unha das tres de estilo cisterciense que se conservan en Galicia, xunto co mosteiro de Santa María de Armenteira (Pontevedra) e o de San Clodio (Ourense). Na parte superior sitúase un magnífico rosetón de columnillas radiais. A portada está composta por un arco de medio punto e tres arquivoltas que descansan sobre columnas acodilladas con capiteis vexetais.

As follas da porta son de madeira e conserva uns ferraxes medievais con decoración de gran valor artístico. Á esquerda da fachada consérvase a porta do baptisterio, tapiada probablemente a principios do século XX.

Exit mobile version