Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ve pouca seriedade na comunicación realizada por Alcoa e considera que non achega seguridade aos traballadores

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou esta mañá en Madrid na Mesa de seguimento de Alcoa

Madrid, 26 de xaneiro de 2024. A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou esta mañá en Madrid na Mesa de seguimento de Alcoa onde manifestou a falta de seriedade da compañía polo comunicado enviado hoxe aos traballadores -mentres o comité de empresa ao completo, os Goberno central e o galego estaban nesta reunión- e onde manifesta todo o contrario ao transmitido este mesmo luns.

Lorenzana considera que esta actitude non é propia dunha compañía do nivel de Alcoa e cre que non achega seguridade, senón que amosa mala fe, malas formas e unha mala praxe. “A actitude de Alcoa xera inseguridade e a súa palabra é pouco fiable”, asegurou Lorenzana que explicou que propuxo dar un ultimato á empresa para que “clarifique dunha vez por todas que vai facer”.

A titular de Economía, Industria e Innovación, trasladou que a Xunta estaría disposta a apoiar ao Estado nunha intervención temporal e instrumental da empresa co obxectivo de buscar un novo comprador que garanta a continuidade da actividade na planta. Neste sentido, comprometeuse a apoiar o emprego e a actividade industrial con todos os mecanismos legais e con todos os instrumentos como o Igape, as sociedades de capital risco ou mesmo a través da Sociedade Impulsa: “Existe un compromiso absoluto do Goberno de Galicia cos traballadores e o emprego da comarca”, subliñou.

Por outra banda, a conselleira advertiu á empresa de que, no caso de decidir non continuar coa actividade, debería facer fronte a indemnizacións por incumprir o acordado e tamén laborais, así como responsabilidades medioambientais debido a súa saída desordenada. “Para que Alcoa se vaia debe deixar moito diñeiro en España e Galicia para que a seguinte empresa poida reactivar unha fábrica que é esencial, pois é a única de aluminio primario do país”, explicou mentres lembrou que dá emprego directo a mil persoas, así como outros mil indirectos ademais da actividade económica que xera.

Lorenzana quixo deixar claro que o Goberno galego nunca vai apoiar formas e estratexias desta índole e amosouse indignada pola actitude de Alcoa cara aos dous gobernos e o comité de empresa.

Exit mobile version