Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares culpa ao goberno central de que o sector marítimo pesqueiro continúe sen o Perte comprometido

O conselleiro reclama que o Estado acelere as negociacións en Bruxelas para a súa activación pois suporía a aceleración de investimentos despois da exclusión da cadea mar-industria do Perte Agroalimentario

Lugo, 26 de xaneiro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclamou ao Executivo estatal que poña en marcha canto antes o Perte comprometido para a cadea mar-industria, algo que leva demandando longo tempo o sector despois de que fora excluído do Perte Agroalimentario. O titular fixo estas declaracións durante a visita ás instalacións da empresa de conxelados López Freire (Lofre) na cidade de Lugo onde puido coñecer da man dos seus responsables o traballo relacionado cos procesos de elaboración, transformación e conxelado que realiza esta empresa da man das últimas tecnoloxías.

O conselleiro destacou que a activación do Perte resulta fundamental xa que permitiría a entidades empresariais como a lucense acceder a fondos europeos que resultan estratéxicos para a realización de importantes investimentos que fagan posible que as empresas podan continuar afondando na súa transformación mellorando os seus procesos produtivos e competitividade. Nesta liña recordou que o propio ministro Planas fixo mención a esta cuestión durante a visita á ultima edición de Conxemar en Vigo no mes de outubro, en plena presidencia española do Consello europeo, sen que houbera ningunha novidade ata o momento.

Alfonso Villares sinalou esta cuestión como outro incumprimento máis do Goberno central coa industria pesqueira galega nun contexto económico especialmente complexo pola elevada inflación, os efectos da invasión rusa de Ucraína ou a alza dos custes financeiros. Unha relevancia á cal lle puxo cifras indicando ca actividade transformadora dos produtos pesqueiros xera máis de 11.000 empregos, que representa máis da metade do total a nivel estatal, cun marcado perfil feminino ocupando o 66% dos postos de traballo mulleres. Nesta liña indicou que o 91% das actividades económicas galegas teñen algo que ver co mar desde e que desde o 2011 o valor da produción da pesca galega medrou preto dun 50% en termos nominais, duplicando o valor da súa produción na última década a actividade vinculada á industria transformadora. Datos que contribúen a situar ao conxunto da cadea mar-industria como o cuarto sector de maior peso en Galicia, representando o 5% do PIB da comunidade.

Traxectoria de éxito

A sociedade López Freire S.A. comezou a súa andaina empresarial na década dos anos 30 iniciándose na distribución na década dos 50, sendo posteriormente pioneira na distribución de xeados. Foi entón cando introduciuse na comercialización dos produtos do mar ata chegar ao que é hoxe, cunhas instalacións que abarcan 11.000 m2 equipadas coas últimas tecnoloxías en conxelación e transformación de produtos derivados do mar. Na actualidade mantén diferentes liñas de produto tanto ao mercado Horeca como ao de supermercados así como cadeas de tendas especializadas e elaboración de marcas brancas para terceiros, consolidando a súa traxectoria de éxito no sector.

Exit mobile version