Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso villares destaca o traballo desenvolvido polo operativo despregado pola Xunta na vixilancia e detección da presenza de pellets na costa galega

O conselleiro do Mar informou que xa foron despregados ao redor de 200 efectivos por toda a costa e que serán reforzados nos vindeiros días para dar soporte aos concellos afectados

Vilagarcía de Arousa, 8 de xaneiro do 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o traballo desenvolvido polos operativos de Gardacostas de Galicia que, unidos aos axentes medioambientais e as brigadas de Tragsa, están reforzando o traballo posto en marcha polos concellos afectados de detección, retirada e limpeza destes materiais nos areais. O responsable autonómico fixo estas manifestacións durante a visita ao buque do organismo autonómico Sebastián de Ocampo no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa.

O conselleiro informou que ata o momento hai unha trintena de concellos costeiros afectados pola vertedura e que se continúa monitorizando a situación a través do 112 notificándose puntualmente aos municipios onde conste avisos pola presenza de pellets. Ademais, explicou ca Xunta mantén un Plan Camgal en fase 1 o que permitiu que xa foran despregados 200 efectivos para participar nos diferentes operativos e que serán incrementados nos vindeiros días. Tamén explicou que, a rotura dalgúns dos sacos nos que se transportaban os pellets plásticos esta a dificultar as labores de recollida debido ao seu pequeno tamaño.

O titular de Mar insistiu que o Goberno galego está actuando desde o momento en que o Goberno central comunicou oficialmente da presenza destes materiais no litoral froito da perda de parte da súa carga por parte dun buque mercante en augas portuguesas. Nesa liña, subliñou que o Executivo estatal é coñecedor desde o día 20 de decembro da orixe dos pellets que estaban a chegar á costa, unha información que tardaron 14 días en facilitala á administración autonómica. Tamén defendeu que a Xunta fixo pública toda a información facilitada polo Ministerio ata o momento e volveu a reclamar maior transparencia ao Estado sobre o suceso.

Sebastián de Ocampo

O responsable autonómico puido coñecer de primeira man as características do buque de Gardacostas de Galicia Sebastián de Ocampo. Este buque, de 41 metros de eslora e 13 de manga, é un remolcador de apoio que veu a substituír ao remolcador Conde de Gondomar despois de 30 anos operativo dentro do Plan de renovación do servizo de Gardacostas. Esta embarcación, que conta cunha autonomía de 4.500 millas, forma parte da frota de 23 buques cos que conta o ente autonómico para desenvolver labores de vixilancia, salvamento, loita contra a contaminación e o furtivismo as 24 horas os 365 días do ano.

Exit mobile version