Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares pon en valor a profesionalidade e boas prácticas da pesca galega e aborda con representantes da OPP de Burela os principais retos e desafíos do sector no 2024

O titular de Mar coñeceu de primeira man a posta en marcha pola OPP7 de Burela das visitas virtuais a través da web da entidade cunha visita a un pesqueiro de arrastre de litoral e un palangreiro de superficie

Burela, 2 de xaneiro do 2024. A pesca galega é un referente mundial de boas prácticas e de responsabilidade co medio ambiente. Así o sinalou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, que asistiu á primeira poxa do 2024 na lonxa da localidade. Alí compartiu impresións con compradores, exportadores, armadores e empregados da rula destacando o posto de liderado que exerce esta lonxa a nivel galego ocupando a terceira posición en canto a facturación que ascendeu aos 41,5 millóns de euros nos tres primeiros trimestres do 2023, o que representa o 13,7% do facturado polas lonxas galegas. Unha posición de referencia que tamén ven reflectida no relativo á produción situándose no cuarto posto con máis de 10.600 toneladas, o 10,7% das descargas rexistradas no conxunto da comunidade.

Posteriormente o titular de Mar realizou unha visita á OPP 7 de Burela na que puido coñecer de primeira man as visitas virtuais postas en marcha pola entidade a través da súa web a embarcacións pesqueiras. Esta iniciativa, presentada a finais do pasado ano, forma parte do seu plan de produción e comercialización, esta financiada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do Fempa e ten como obxectivo de poñer en valor o oficio pesqueiro e a actividade pesqueira das diferentes frotas vinculadas a esta entidade.

Estas visitas virtuais fan posible que calquera poda subir a bordo dun barco de palangre de superficie ou de arrastre de fondo de litoral poñendo a disposición dos usuarios diferentes puntos de información con vídeos e textos que axudan a comprender mellor como é a actividade que se desenvolve dentro destas embarcacións. Esta previsto a distribución do acceso destas visitas ás diferentes escolas náuticas e institutos de ensino secundario para co alumnado teña unha visión de como son estes buques de pesca.

Ademais, o responsable autonómico visitou un buque palangreiro atracado no porto burelés na que recibiu explicacións específicas sobre como se desenvolve o traballo a bordo. Durante o percorrido pola embarcación o conselleiro puxo en valor o bo facer e a profesionalidade pola que se caracteriza o sector e pola que é unha referencia internacional, cunha aposta clara pola calidade, a innovación e a sustentabilidade.

Visita á OPP

Alfonso Villares mantivo un encontro de traballo coa directiva da OPP7 de Burela para abordar os principais retos e desafíos do sector de cara a este ano acaba de comezar como o veto comunitario á pesca de fondo nas 87 áreas do Atlántico nororiental que foi recorrido pola OPP en conxunto con 16 compañías afectadas ante o Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) na que a Xunta participa como coadxuvante.

O titular do Mar agradeceu a defensa desta entidade dos intereses do sector á vez que destacou a importancia de tecer alianzas con outras rexións marítimas europeas para fortalecer esa defensa ante as institucións comunitarias. Tamén sinalou que cerca do 70% do peixe consumido na Unión Europea é importado polo que resulta fundamental contar cun sector pesqueiro forte para garantir a seguridade alimentaria do continente, máis se cabe nun contexto de inestabilidade xeopolítica internacional como o actual, cun enorme impacto na comercialización dos alimentos.

Exit mobile version