Site icon Crónica3.com A Mariña

Ameijide acusa a Tomé de “poñer en risco a seguridade de todos os lucenses deliberadamente”

O popular denuncia que o presidente da Deputación “é o único responsable” no caso de que se produza algunha desgraza nas estradas provinciais debido ao nefasto estado que presentan moitas destas vías unicamente pola cabezonería e o sectarismo de Tomé a realizar o seu mantemento

Lugo, 25 de xaneiro de 2024. O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, “é o principal responsable” de poñer en perigo a todos os lucenses da provincia “ao negarse reiteradamente a realizar o mantemento da rede viaria provincial”.

Os deputados populares, Antonio Ameijide e Luis Fernández, comprobaron o “terrible estado” no que se atopan as estradas provinciais na Pobra do Brollón xunto ao voceiro popular neste municipio, Teddy López.

Antonio Ameijide explica que na Pobra do Brollón están “algunhas das estradas provinciais máis perigosas de Lugo e por desgraza están nun estado moito peor que no verán, cando denunciamos o seu calamitoso estado”. “Hai fochancas nas que cabe un coche enteiro”, denunciou.

O voceiro popular afirma que Tomé “non pode alegar descoñecemento”, hai 6 meses que lle advertimos publicamente e de xeito oficial nunha iniciativa presentada ante o pleno da Deputación sobre a situación destas estradas provinciais, pero nada fixeron a sabendas do risco e da situación. Dende o Grupo Provincial Popular incidimos todas as semanas na necesidade de realizar un plan de mantemento das estradas da Deputación, comezando por aquelas que presentan un maior deterioro”.

Entre as estradas que revisaron os populares están a LU-P-4701 (de Pobra do Brollón a Folgoso do Courel) e a LU-P-4710 (de Salcedo á Estación da Pobra de Brollón) nas que as fochancas xa provocaron accidentes. “A realidade é que nestas estradas os baches son máis grandes que os coches, con iso xa queda todo dito”, afirmou.

Seguramente son algunhas das peores estradas da provincia e nelas vese que hai anos que non se realiza ningunha tarefa de conservación, con fochancas  duns 40 centímetros de profundidade e varios metros de lonxitude.

O voceiro popular critica a “pouca seriedade e falta de empatía” de Tomé que “nin aos municipios limítrofes ao que goberna é capaz de coidar minimamente”, xa que “mentres ten as estradas en perfectas condicións no seu municipio, condena aos demais a xogarse a súa integridade física circulando por estradas sen mantemento”.

Na Pobra do Brollón nin ter un alcalde dun partido que forma parte do bigoberno da Deputación de Lugo serve aos seus veciños para ter as estradas en boas condicións, “nun exemplo máis do municipalismo de amiguetes de Tomé, que unicamente coida aos seus amigos”.

Exit mobile version