Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña chama a secundar masivamente a manifestación nacional deste domingo contra o desmantelamento da atención sanitaria galega.

Domingo 4 de febreiro: enchamos as rúas de Compostela en defensa da sanidade pública

Burela, 31 de xaneiro de 2024. CIG-Saúde, integrante da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, quere facer un chamamento ás traballadoras/es e a veciñanza da Mariña a participar na manifestación do domingo 4 de febreiro convocada por SOS Sanidade Pública en defensa da sanidade pública. “A xente alegre e combativa da Mariña temos que saír novamente á rúa para lembrarlle a quen xestiona a nosa sanidade que estaremos agora, aquí e sempre na defensa da sanidade pública.”, aseveran.

Denuncian que “o que ten que facer o presidente da Xunta é deixar de mentir e manipular, de recortar e de privatizar a sanidade pública da Mariña e escoitar as demandas dos mariñaos e das mariñás”.

Razóns para mobilizarse

Algunhas das razóns, explican, que nos levan “a mobilizarnos de xeito contundente, son estas:

– Desmantelamento da atención primaria con falta de recursos humanos (persoal médico, pediatras, enfermaría, matronas, traballadoras sociais, PSX…) e materiais.

– PACs sen dotación adecuada de material e persoal, obrigando a que varios destes centros queden baleiros de persoal sanitario en moitas ocasións, ante a necesidade de ter que desprazarse para atender unha emerxencia.

– Abandono de menores e adultos ao quedar sen logopedia, fundamental para o seu desenvolvemento como persoas.

– Unha ampliación do hospital froito da presión e da mobilización social que supón máis metros cadrados, pero que non van acompañados de máis e mellores servizos nin de máis persoal. Como exemplos: a falta de dunha consulta de cirurxía vascular, electroencefalogramas ou electromiografías aumentando as derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña non só para probas diagnósticas, tamén para intervencións cirúrxicas.

– Privatización de servizos como mantemento, historias clínicas etcétera.
Para o sindicato nacionalista, esta, e non outra, e a verdadeira sanidade de Rueda. Mentres o PP defende que está a realizar unha magnífica xestión, un discurso soberbio e frívolo cando se xoga coa saúde das persoas. Ou como afirman agora “facemos o que podemos”.

“Pois non, señor Rueda, o que está a pasar non é froito dunha fatalidade nin dunha maldición bíblica, é froito de todas as decisións do PP destes anos e dunha política de recortes continuos que ten consecuencias.

Dende o sindicato nacionalista lembran algunhas das reivindicacións básicas e fundamentais para garantir una asistencia sanitaria de calidade.

Atención Primaria

Creación de prazas de persoal de tódalas categorías profesionais en xornada ordinaria e redución de cupos. Así, o cupo base de médicos e enfermería establecelo nun máximo de 1.250 tarxetas sanitarias(TSI), e 800 en pediatría. Dotar de pediatras a todos os Centros de Saúde da Mariña; incrementar os profesionais de apoio coa incorporación de Matronas, traballadores sociais, Odontólogos e hixienistas dentais, Fisioterapeutas, Logopedas, Terapeuta ocupacional, PSX…

De igual xeito, demandan a cobertura do 100% das ausencias en todas as categorías; dúas equipas completas enfermaría-médica en todos os PACs e dotalos de material.

Atención hospitalaria

Neste punto reclaman a recuperación da Área Sanitaria Roubada; a dotación de electromiogramas, densitometrías óseas, electroencefalogramas, consulta de cirurxía vascular, e recuperar a implantación de marcapasos, as operacións de fimose pediátrica…

Dotar tamén do persoal necesario en todas as categorías existentes, e crear prazas públicas de logopedas, terapeutas ocupacionais,… Rematar coas derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña e as privatizacións de servizos hospitalarios (mantemento, historias clínicas…).

“Nin nos rendemos nin nos resignamos e sairemos unha e mil veces á rúa para que o Partido Popular teña moi claro que non imos dar nin un só paso atrás na defensa dos nosos servizos públicos como é a sanidade de todas e todos”, conclúen.

Exit mobile version