Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia: “O Goberno de Pedro Sánchez é unha máquina de destruír a industria e o emprego na provincia de Lugo”

A presidenta provincial e cabeza de lista ás autonómicas compareceu en rolda de prensa xunto ao alcalde de Palas de Rei e integrantes da candidatura popular para valorar “a falta de compromiso do Goberno de España co proxecto de Altri”

Lugo, 31 de xaneiro de 2024. A presidenta do PP lucense e cabeza de lista ás autonómicas, Elena Candia, asegurou que “o Goberno de Pedro Sánchez é unha auténtica máquina de destruír a industria e o emprego desta provincia”. Durante unha rolda de prensa na que participou o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, e membros da candidatura ás autonómicas, condenou “a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co que nós consideramos un proxecto transformador para a nosa provincia como é a fábrica de fibras téxtiles de Altri”. Tamén avanzou que “pediremos en todas as Cámaras Parlamentarias unha rectificación ao Goberno para que apoie aos proxectos vitais para a provincia e para Galicia” porque “os lucenses e os galegos non somos menos que ninguén”.

Para os populares “deixar a Altri sen conexión da rede eléctrica para a planta de biofibras fai saltar todas as alarmas. Primeiro, porque este anuncio implica que o Goberno non ten interese en apoiar a este proxecto. E, segundo, porque se demostra que Pedro Sánchez mentiu descaradamente ao presidente Rueda, en xullo de 2022, cando publicamente lle trasladou o apoio do Executivo para Altri”.

O rexedor popular de Palas de Rei cre que “este anuncio é un paso atrás” porque “a enerxía é básica para este proxecto”. Polo tanto, considera “unha tristeza a total falta de compromiso do Goberno con este proxecto importantísimo para Galicia e a nosa provincia”. Pablo Taboada lamentou que “a liña do Goberno nos últimos meses é a contradición: un día sae unha información e ao día seguinte contradina ou rectifícana”. De feito, “hoxe escoitabamos ao delegado do Goberno escusarse dicindo que o proxecto aínda non está definido”, a pesar de que “toda a empresa está traballando dende fai dous anos de forma continua, posicionándose sobre o terreo e incluso sendo declarado proxecto estratéxico pola Xunta de Galicia”. Polo tanto, considera esta actitude como “unha falta de respecto á nosa provincia por parte do Goberno, do PSOE e do BNG que é cómplice activo”.

RESPONSABILIDADE DO PSOE E DO BNG

O PP pide “responsabilidades políticas, por coherencia e dignidade”, despois de que “Sánchez tivera a cara de vir o sábado a Lugo sen anunciar nada importante para saldar as débedas coa provincia, o luns o propio ministro de Industria recoñecera ante unha interpelación do deputado lucense Francisco Conde que o Goberno non comezar a traballar no proxecto ata decembro de 2023 e que o martes comunique que se deixa sen rede eléctrica a Altri”.

Elena Candia pediu, polo tanto, “responsabilidades ao Partido Socialista, ao seu candidato: o home-anuncio de Sánchez en Galicia que pasará á historia por ser o candidato do PSdeG menos crible e menos solvente dende que existe a democracia. E tamén ao BNG que firmou un pacto co único obxectivo de evitar que goberne a lista máis votada polos españois, pero no que nin PSOE nin BNG tiveron en conta este proxecto”.

A popular considera que “a persecución de Pedro Sánchez con Lugo, coa complicidade do BNG, está a ser claramente preocupante e demoledora para o desenvolvemento socioeconómico do noso territorio”. E, nese sentido, pediu ao Goberno central “seriedade e rigor. Non se pode falar de reindustrialización, cando están poñendo en perigo 3.500 empregos (entre Altri e Alcoa) nunha provincia de pouco máis de 300.000 mil habitantes como a de Lugo”.

ALCOA

Candia explicou que “no caso de Alcoa, as axudas de compensación de C02 anunciadas polo Goberno non solucionan o problema. A solución é fixar un prezo competitivo como teñen outros países como Francia e Alemaña. E esta solución só pode dala o Goberno; todo o demais, é facernos a envolvente”. Polo tanto, incidiu en que “o que nos vende o Executivo é unha cortina de fume. Estas axudas tan só son un 8,8% do total dos ingresos de CO2; é dicir, 500 millóns de euros menos dos que se deberían incluír no Orzamento deste ano, pois o límite que fixa a UE son 850 millóns”.

Exit mobile version