Site icon Crónica3.com A Mariña

“En defensa da sanidade galega”, por Encarna Amigo

Logo do inmenso desafío ao que se viu sometida a sanidade pública durante a pandemia, superado grazas ao esforzo e compromiso de todos os profesionais do SERGAS, toca agora recuperar a normalidade e seguir traballando por un sistema robusto e de calidade, que non só cure senón que preveña a enfermidade.

Desde Galicia soubemos dar este paso adiante traballando en tres frontes complementarias: dando prioridade ao servizo galego de saúde, ata o punto de que hoxe conta co maior orzamento da súa historia; cunha carteira de servizos sanitarios máis completa, tanto na atención primaria como hospitalaria; e intentando facer fronte, no ámbito das nosas competencias, á falta de médicos de familia e especialistas, o principal problema que afrontamos todas as comunidades e o conxunto do sistema nacional de saúde.

No ámbito dos recursos, os máis de 5.000M€ que a Xunta destina a sanidade superan amplamente a contía que se destinaba para este fin en 2009, cando o PP tomou as rendas do Goberno galego. Falamos dun incremento acumulado de case un 39% (+1.400M€), que permitirán afrontar o futuro nunha mellor posición.

No ámbito da extensión das prestacións sanitarias: Galicia conta hoxe co calendario de vacinación máis completo do mundo, coa ampliación dos programas de cribado para a detección precoz de enfermidades (extensión do cribado de cancro de cérvix e cancro de mama; reforzo do cribado neonatal, no que Galicia supera as 30 patoloxías fronte ás 7 da carteira estatal) e a implantación de novos servizos na rede hospitalaria, cos novos equipos de cirurxía robótica ou trombectomías do ictus nas áreas de Lugo e Ourense, ou o reforzo da capacidade resolutiva coa adquisición de novo equipamento como ecógrafos, retinógrafos, equipos de probas rápidas ou dispositivos diagnósticos.

A non dispoñibilidade de profesionais para contratar, para cubrir as baixas e as ausencias en moitos centros de saúde e hospitais, certamente escapa das capacidades dos servizos autonómicos de saúde e require dunha resposta nacional. Con todo, a Xunta ten liderado iniciativas dirixidas a loitar contra esta problemática como as melloras retributivas acordadas cos sindicatos, os cambios organizativos para diminuír a carga de traballo ou a novidosa oferta mediante concurso de méritos para as prazas de difícil cobertura. Só desde 2020 a Xunta creou máis de 400 prazas de persoal sanitario de atención primaria, reforzando os equipos de enfermaría, fisioterapia, farmacia ou traballo social ou incorporando nutricionistas e equipos de enfermería a domicilio.

Pero sería absurdo obviar que estas medidas deben vir acompañadas dun esforzo orzamentario e loxístico por parte do Goberno de España, en particular, dun incremento extraordinario de 1.000 prazas anuais para formar novos médicos, ademais de modificar o sistema de elección de prazas MIR, de xeito que non poidan quedar prazas sen cubrir, entre outras medidas.

Agora que se achega a cita coas urnas, os galegos teñen na súa man seguir avanzando nestes e en novos obxectivos, consolidar o traballo realizado e tamén poñer o foco na detección das áreas de mellora existentes pero facelo desde a xestión rigorosa e sincera.

O Partido Popular seguirá facendo novas propostas no seu programa electoral, froito da escoita e da experiencia que ofrece todos estes anos de goberno. A sanidade pública non se defende cambiando de ministro cada ano, nin detrás dunha pancarta e moito menos como fan BNG e PSOE, saíndo ás rúas cando saben que estamos a semanas de que se incorporen novos profesionais polo sistema de postos de difícil cobertura que eles votaron en contra. Non se debe frivolizar nin politizar a sanidade, senón coidala e sostela entre todos.

Exit mobile version