Site icon Crónica3.com A Mariña

Excelente acollida das Xeorutas das Minas e das Catedrais, organizadas pola Mancomunidade

A Mariña, 23 de xaneiro de 2024. Excelente acollida das Xeorutas das Minas e das Catedrais, organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña en xaneiro, ao abeiro do seu programa de Xeoturismo no contexto do Plan de Sostibilidade Turística. Preto de 40 persoas gozaron destas dúas últimas actividades que sumadas ás que acudiron en decembro á Xeoruta de Cerrochán pasan das 50.

Durante este mes de xaneiro realizáronse dúas Xeorutas novas dentro do programa de Xeoturismo da Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística, que está cofinanciado pola Mancomunidade, co apoio da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A primeira delas tivo lugar o 13 de xaneiro na praia das Catedrais, onde o xeólogo Iván Rodríguez falou dos materiais que forman os cantís deste emblemático areal e de como a rede ortogonal de fracturas condiciona a evolución de furnas e pasadizos, ollos e arcos, tan característicos deste Monumento Natural. Ata as Catedrais achegáronse un total de 20 persoas de diferentes lugares da xeografía galega, aínda que tamén de Asturias, Madrid, e mesmo estranxeiros residentes en Santiago de Compostela.

A segunda das rutas de xaneiro foi o pasado sábado, día 20, na Pontenova, para realizar a Xeoruta das Minas, desta vez, cunha ollada xeolóxica. Os asistentes puideron observar as rochas do sinclinal de Vilaoudriz e recibiron información sobre a orixe e explotación do ferro nas minas de Boulloso e Vilaoudriz, que deron lugar á formación da vila da Pontenova. A esta cita acudiron 17 persoas, das 20 previstas, chegadas de diferentes puntos da xeografía galega e persoas da zona vencelladas ao ferro.

A Mancomunidade anunciará en breve as actividades de Xeoturismo previstas para febreiro así coma as formacións que se desenvolverán entre febreiro e marzo. O resto de actividades estarán concentradas ao longo dos meses de marzo, abril, maio, xuño e setembro. As formacións programaranse en tempada baixa para facilitar a asistencia de xestores do territorio, informadores e técnicos de turismo, guías e empresas de actividades turísticas.

Exit mobile version