Site icon Crónica3.com A Mariña

Mayra García no Vicedo: “Besteiro recuperará a gratuidade dos libros de texto cando chegue á Xunta”

A número tres da candidatura socialista ás eleccións autonómicas pola provincia reivindicou no Vicedo a necesidade de aumentar os investimentos en Sanidade e Educación porque “só a aposta por uns servizos públicos de calidade poden frear a perda de poboación”

O Vicedo, 26 de xaneiro de 2024. A número tres da candidatura socialista ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo, Mayra García Bermúdez, reivindicou este venres no Vicedo a necesidade de aumentar en Galicia os investimentos en Sanidade e Educación. Algo que, asegurou, fará José Ramón Gómez Besteiro cando chegue á Xunta, porque “só a aposta por uns servizos públicos de calidade poden frear a perda de poboación no noso rural”.

García Bermúdez sinalou que, na última década, a Xunta do PP pechou 138 escolas en Galicia. E nese sentido destacou que precisamente ter un centro próximo ou transporte escolar son “elementos esenciais para poder ofrecer á xente a posibilidade de realizar o seu proxecto vital nos concellos pequenos”.

Acompañada pola Deputada no Parlamento galego, Patricia Otero, e compañeiros e compañeiras da agrupación local, Bermúdez anunciou que “Besteiro recuperará a gratuidade dos libros de texto cando chegue á Xunta de Galicia”, como exemplo do compromiso do candidato socialista á presidencia do Goberno galego. Apuntou ademais outras propostas en materia de educación, como reverter os recortes, reformular as horas de docencia e baixar as ratios de alumno por docente.

Centro médico

Tras achegarse ao Centro de Saúde do Vicedo, Mayra García tamén destacou que “Besteiro dotará con máis orzamento a Atención Primaria para mellorar a calidade asistencial dos pacientes e para que o persoal mellor formado se quede a traballar en Galicia”. Lembrou a socialista que neste concello da Mariña decenas de persoas saíron ás rúas o domingo pasado para pedirlle á Xunta que dote ao municipio de médicos suficientes, lamentando que a veciñanza tense que desprazar con frecuencia ao PAC de Viveiro para resolver cuestións médicas.

“A sanidade e a educación non son números, detrás de cada número hai unha persoa”, destacou a candidata, quen subliñou que “non pode haber un concello sen un médico e sen un mestre” tamén algunhas das propostas de Besteiro no plano sanitario, como a convocatoria íntegra de todas as prazas de categorías vencelladas coa atención primaria.

Exit mobile version