Site icon Crónica3.com A Mariña

Mayra García: “O meu compromiso con Trabada segue intacto, continuaremos traballando xuntos por este pobo”

Trabada, 12 de xaneiro, 2024. Nun pleno extraordinario, renuncia oficialmente á alcaldía agradecendo “o cariño dos veciños e o apoio da miña familia, foi un pracer ser a vosa alcaldesa”.

Mayra García Bermúdez presentou hoxe oficialmente a súa renuncia á alcaldía do Concello de Trabada nun pleno extraordinario “difícil e con moitos sentimentos encontrados”.

“Como sabedes, incurre causa de inelexibilidade ser alcaldesa e deputada provincial con ser candidata ao Parlamento de Galicia, por iso me vexo na obriga de poñer fin a unha etapa tan maravillosa como intensa na miña vida”, asegurou García Bermúdez.

O salón de plenos estaba cheo de veciñas e veciños para despedirse de Mayra García Bermúdez, a quen lle regalaron dous ramos de frores: un o seu equipo de goberno e outro varias mulleres que participan no programa de terapia ocupacional.

No seu discurso de despedida, apuntou que “foi, ante todo, unha honra pero sobre todo, unha gran responsabilidade ser a alcaldesa de Trabada. Por iso, dende o primeiro día, asumín este importante e fermoso traballo con toda a dedicación que merece este cargo”.

Mayra García Bermúdez fixo un repaso da súa xestión e asegurou que “cando miro Trabada vexo un pobo mellor que o que atopei, un pobo con rumbo, máis aberto e con máis futuro. E por suposto, o mérito non é só meu, pero síntome moi orgullosa de contribuír a que así sexa”.

“Quero dirixirme tamén ó grupo municipal socialista, ós meus compañeiros e compañeiras: Yuli, Rubén, Mari Carmen, Suevia, Rosa. Gustaríame poñer de manifesto a xenerosidade de Yuli, a súa entrega e o seu traballo, e a Rubén dicirlle que vai ter o meu apoio sempre, que a ilusión coa que asume a alcaldía é o ingrediente principal para ser un bo alcalde”.

E xa nun plano máis persoal, “quixera dedicar as últimas palabras deste discurso á miña familia. Aos meus pais, agradecerlles que me fixeran ver desde pequena o importante que é defender as ideas e que me deixaran a mellor herencia que un pai lle pode deixar a un fillo, que é a oportunidade de formarme, porque sabemos que a educación é a arma máis poderosa para combatir a desigualdade”.

“Espero que non se leven moitos disgustos e que poidan sentirse orgullosos de min, igual que dos meus irmáns, e tanto como eu me sinto deles, porque grazas á miña familia son quen son. Eles enseñáronme o valor do compromiso cos demáis, do respeto, da liberdade e da igualdade”, engadiu emocionada, antes de lembrarse tamén dos seus avós.

“E xa para ir rematando, gustaríame ter un recordo para todas as mulleres que me precederon, para as avoas e nais que dedicaron a súa vida aos demáis, á crianza e coidado das súas fillas e fillos, das netas e netos, tamén dos seus maiores, ás que traballaron no campo sen remuneración, a esas mulleres que sin estudar deron estudos ás súas fillas, porque se hoxe podemos ocupar os espazos de maneira máis visible foi grazas a elas, por iso a loita pola igualdade é imparable, porque só queremos compartir o mundo e a vida en pé de igualdade, nada máis e nada menos”, afirmou.

“Manifestarvos que o meu compromiso segue intacto, que esté donde esté vou seguir traballando por este pobo e que me tedes á vosa disposición se credes que poido axudarvos. Foi un inmenso pracer compartir estes anos con todos vós e ser a vosa alcaldesa”, rematou Mayra García Bermúdez.

Exit mobile version