Site icon Crónica3.com A Mariña

Mayra García: “Tras máis dun mes de inacción ante a marea de plástico, Rueda só se interesa pola Mariña para facer unha foto de propaganda nunha foodtruck”

A número 3 da candidatura socialista ás autonómicas pola provincia subliñou que a visita de hoxe a Ribadeo “é a mostra de como actúa o PP, da súa inacción, incompetencia e soberbia ante a crise ambiental e ante calquera problema. Rueda esconde a cabeza e culpa aos demais”

A Mariña, 20 de xaneiro de 2024. A candidata número 3 por Lugo ao Parlamento de Galicia, Mayra García Bermúdez, criticou a visita electoralista que fixo Rueda a Ribadeo este sábado. “Pasou máis dun mes desde que a Xunta de Galicia tivo constancia de que os pellets de plástico chegaban ás nosas costas e non se preocupou en como estabamos na Mariña, nin chamou nin veu, e chega hoxe para facer unha foto de propaganda nunha foodtruck, como se o problema non existise”, incidiu a socialista.

“Máis dun mes no que Rueda non se preocupou de vir á Mariña para ver como afectaba a crise ambiental ás nosas praias, no que non chamou aos alcaldes e alcaldesas, no que cargou aos concellos coa responsabilidade de limpar os plásticos sen aportar medios nin orzamento”, incidiu Mayra García Bermúdez.

“Un mes de total e absoluto abandono. E hoxe encontrámonos con que o señor Rueda vén á nosa comarca, reunirse cun Alcalde do PP para sacar unha foto de propaganda”, indica a socialista ante a visita deste sábado.

“A Xunta do PP: inacción, incompetencia e soberbia”

García Bermúdez explica que a visita de hoxe é unha mostra máis de como actúa a Xunta do Partido Popular. “A mostra da inacción, da incompetencia e da soberbia ante esta crise, pero tamén ante a da Covid, cando nos deixou totalmente sós aos concellos, ante a situación de Alcoa e e ante calquera problema. Rueda esconde a cabeza e culpa aos demais”, asevera García Bermúdez, quen viviu en primeira persoa como Alcaldesa de Trabada os desprezos de Rueda a esta comarca.

“Os mariñáns e mariñás, e todos os galegos e galegas estamos perdendo oportunidades. Primeiro Feijóo e logo Rueda, os dous lastraron á Mariña nestes 15 anos. Pararon infraestruturas fundamentais, como é a VAC Costa Norte e desmantelaron a sanidade pública”.

O impulso de Besteiro

Mayra García Bermúdez subliñou que Galicia “necesita o liderado, as ideas e as respostas que ofrecemos os socialistas con José Ramón Gómez Besteiro. Non podemos perder máis tempo coa inercia de Rueda. Necesitamos o impulso de Besteiro”.

De feito, concretou que o candidato socialista á Presidencia da Xunta xa presentou un plan de acción para potenciar o consumo do peixe galego, que sufriu unha caída de consumo dun 32% na última década. Así mesmo, comprometeuse a establecer medidas como a introdución de peixe tres veces á semana nos comedores escolares, hospitais e centros de maiores que dependen da Xunta; e avanzou que impulsará o consumo e as accións educativas, priorizando aos mozos e mozas na promoción do consumo de peixe.

“A Xunta deixou sen executar o 51% do fondo europeo para a Pesca (FEMP), perdendo unha importante oportunidade para a modernización do sector pesqueiro. Un exemplo claro da mala xestión do PP na Xunta nos últimos dez anos”, indicou García Bermúdez, poñendo outro exemplo da mala xestión do Goberno que encabeza Alfonso Rueda.

Exit mobile version