Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Merluza D& Burela’ triunfa en Fitur

Burela, 26 de xaneiro, 2024. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e Armadores de Burela colaboran estes días en Madrid en numerosos eventos gastronómicos e turísticos, onde o “Peixe de Burela”, especialmente a “Merluza D& Burela”, serán protagonistas en diferentes degustacións que terán lugar en Madrid aproveitando en Ifema o marco da Feira Internacional de Turismo Fitur e Madrid Fusión Alimentos de España.

Dentro da programación da Feira Internacional de Turismo, Fitur 2024, o stand da Axencia de Turismo de Galicia acolle o domingo 28 ás 13:30h, dentro do programa de catas e degustacións “Galicia Sabe A-Mar” da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, un showcooking-degustación de pescada do pincho de Burela, que realizará a chef Victoria Masseda (Masseda Catering de Origen, Madrid).

Pola súa banda, o stand da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, tamén en Ifema, pero dentro da programación de Madrid Fusión Alimentos de España, acollerá o luns de 16:00h a 17:00h, dentro do seu programa de catas e degustacións dos produtos do mar “Galicia Sabe A-Mar”, a sesión do chef Diego Domínguez Couto (resturante Nomade de Santiago de Compostela) elaborando as súas propias receitas de “Merluza D& Burela”.

“Peixe de Burela” segue colaborando na promoción da cociña galega e os produtos do mar, poñendo a súa nota de sabor á clausura de Fitur, o domingo, e tamén á apertura dunha nova edición de Madrid Fusion, que se celebra do luns 29 ao mércores 31 de xaneiro converténdose unha vez máis no epicentro da excelencia culinaria mundial.

Esta acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA, e inclúese no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á rastrexabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.

Exit mobile version