Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG defendeu no pleno provincial mocións de apoio á sanidade e á vivenda pública

O grupo provincial respaldou a manifestación en defensa da sanidade pública convocada para o 4 de febreiro en Compostela por 55 colectivos sanitarios, sociais, político e sindicais

Lugo, 30 de xaneiro de 2024. O portavoz do BNG na Deputación de Lugo Daniel García amosou esta mañá no Pleno Provincial o apoio da formación nacionalista á manifestación pola sanidade pública convocada para o vindeiro 4 de febreiro en Compostela pola Plataforma SOS Sanidade Pública, integrada por 55 colectivos do ámbito sanitario, social, político e sindical.

Na defensa dunha proposta en relación con esta convocatoria, o deputado nacionalista repasou as consecuencias de 15 anos de políticas de recortes e desmantelamento do sistema sanitario público por parte do Partido Popular, especialmente na atención primaria, que se reflicte na falta de profesionais de medicina familiar e pediatría en centros de saúde de todas as comarcas, e apelou á mobilización social para recuperar unha atención sanitaria digna.

“Por primeira vez, as galegas e galegos temos que agardar durante semanas para poder ver a nosa médica ou médico de cabeceira e as nenas e nenos en seis de cada dez concellos non teñen pediatra. A día de hoxe, 9.080 persoas agardan no noso país para recibir unha primeira consulta en saúde mental na sanidade pública o que deixa a posibilidade de atención neste ámbito só en mans de quen poida pagala”, lembrou Daniel García, durante o debate da proposta que se aprobou cos votos a favor de BNG e PSOE.

Vivenda pública para arrendamento

O BNG tamén sacou adiante unha moción relativa á vivenda, que insta á Xunta de Galiza a poñer os recursos necesarios para garantir o acceso á vivenda, a través dun oferta suficiente de arrendamentos públicos.

A moción, aprobada co apoio do PSOE, propón a mobilización de vivendas baleiras e a construción de novos edificios para crear bolsas de alugueiro, así como a demanda da transferencia dos activos da SAREB en Galiza.

A deputada Iria Castro sinalou “o parque público de vivenda en Galiza está no 0,3 por cento”, unha cifra tan ínfima que, explicou, “ata a federación de empresas inmobiliarias ten demandado a mobilización de vivenda para facilitalas á mocidade”.

A respecto da política do Partido Popular na Xunta de Galiza, lembrou que “en xaneiro de 2010 suspenderon o plan sectorial de suelo residencial, que marcaba como obxectivo a construción de 45.600 vivendas protexidas entre 2009 e 2017. A poboación galega perde con vostedes”, concluíu.

Exit mobile version