Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG destaca a importancia de todo o esforzo feito ao longo de anos para promocionar Ribadeo e pide ao actual goberno que non deteriore a súa imaxe con actos desfasados e con tics partidarios

Ribadeo, 29 de xaneiro, 2024. O BNG de Ribadeo reflexiona sobre a promoción turística do Concello: “Ao longo dos nosos mandatos fomos desenvolvendo unha política neste eido combinando os valores máis destacados da nosa paisaxe, tradicións e vida deportiva, social e cultural, con novas apostas para diversificar a oferta turística. Cada vez apostamos máis por desestacionalizar a actividade turística. Ben se notou ao longo dos anos de goberno do BNG de Ribadeo que dita actividade prolongábase cada vez máis ano tras ano. E isto foi posíbel porque promocionamos os nosos valores turísticos en distintos eventos (Fitur e outros salóns turísticos, así como con xestións directas con turoperadores). Dese xeito, logramos diversificar o tipo de visitantes que decidían achegarse ao noso concello e ampliar o período do ano no que se realizan as visitas”.

“É ben certo que, a nivel paisaxístico destacan dúas xoias especialmente: a praia de Augas Santas (en primeiro lugar) e a ría de Ribadeo (en menor medida, e non por ser de menor valor, senón polo impacto mediático do noso areal que tanto nos dá a coñecer). É ben certo tamén que o Ribadeo Indiano destaca por enriba de todas as demais celebracións. Pero non podemos esquecer que somos máis que todo iso. Temos outros valores paisaxísticos e tamén outros eventos que pouco a pouco van cobrando cada vez máis importancia. Foi por iso que puxemos grande empeño en destacar outras cualidades da nosa xeografía física e humana: “O Ribadeo Ilustrado”, as “Mareas Vivas” ou “O Renacer do Cantil” son un claro exemplo da nosa aposta por esa diversificación.
Ben deitamos, toda a sociedade ribadense, da iniciativa deportiva, social e cultural do asociacionismo de base que nos permite a todos e todas nós gozar desa intensa vida social e deixar ante as xentes que nos visitan a viva sensación de vila dinámica e emprendedora que paga a pena visitar”.

“Pero todo ese esforzo corre o perigo de se ver cuestionado por un novo goberno que perde os papeis co seu afán en marcar as diferencias con todo o legado que recibiron ao asumir as responsabilidades de goberno. Xa demostraron ao longo da segunda metade de 2023 que lles primaba máis facer algo distinto con tal de tapar o levado a cabo anteriormente. Tamén en Turismo semella que van polo mesmo camiño. O feito até agora, por moi bos resultados que dese, hai que borralo: non pode quedar rastro da labor de goberno do BNG. En Fitur puidemos comprobalo”.

“Mesmo tivemos que nos resignar a escoitar a un alcalde e unha concelleira de turismo que semellaban sentirse oufanos por iren a Fitur, dándose as grazas uns a outros como se non houbese un mañá. Mesmo puidemos oír algunha referencia en clave electoral fóra de lugar nun acto institucional. En fin: xa puidemos comprobar que confunden todo: redes sociais do concello con redes sociais do partido; actos institucionais do concello con actos de partido en plena precampaña. Non saben estar. E que fagan o ridículo nos actos de partido é problema deles. Pero se o fan en actos institucionais de promoción da imaxe de Ribadeo, iso xa nos afecta a todos e todas nós”.

Exit mobile version